A maioría do pleno da Cámara refrenda a fusión das institucións camerais de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Agora xa se cumpriron todos os requisitos para que a fusión das Cámaras se leve a cabo. Este venres 24 o pleno extraordinario da Cámara de Comercio de Pontevedra cumpriu cos trámites legais para aprobar o protocolo de integración institucional das Cámaras de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, por proposta do comité executivo desta institución. Cando se aprobara anteriormente, o 25 de marzo de 2015, non se daban todas as condicións normativas. A propia Xunta de Galicia recordou a necesidade de que se aprobase con maioría absoluta.
Na votación do pleno deste venres, ao que non se permitiu o acceso de fotógrafos por petición de varios membros, dous dos empresarios abstivéronse, pero segundo o presidente da entidade pontevedresa, Eduardo Barros, "eso no supone ningún problema para que la fusión siga adelante" e sostén que sempre se sentiu avalado polos representantes camerales aínda que na anterior votación "no hubiera pleno".
Barros manifestou, ao remate da sesión que durou ao redor de 45 minutos, que o proceso continuará agora a través dun edicto por parte da Xunta de Galicia e serán os membros do novo pleno os que continúen as tramitacións para acometer a integración. O prazo que se establece para formalizar este proceso sitúase entre os dous e os seis meses. O presidente da Cámara pontevedresa espera que poida estar finalizado antes do verán.
O principal representante da institución sinala que se trata dunha nova era para as Cámaras e móstrase optimista porque esta decisión conta co respaldo da confederación de empresarios de Galicia, da confederación de Pontevedra e do conselleiro de Economía e Industria, ademais do apoio do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do vicepresidente Alfonso Rueda.
O compromiso entre as tres entidades é manter as tres cámaras cos actuais empregados e co obxectivo de continuar crecendo para contratar máis empregados e aumentar as súas capacidades: "una Cámara cuantas más posibilidades tenga de manejar fondos europeos para ponerlos en manos de empresarios será más importante, más fuerte para dar servicios", sinalou Eduardo Barros. O presidente tamén lamentou que aqueles que critican a fusión ao entender que todo se centraliza en Vigo non fixeron nada para intentar reforzar a Cámara pontevedresa.
Relacionadas:
-
Expurgo de documentos na sede da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A renuncia de dous empresarios de Pontevedra obriga a buscar vocais para a nova Cámara de Comercio
Por Natalia Puga |
-
A Xunta presentará en setembro a nova Cámara resultante da fusión das de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía
Por Redacción |
-
Un empresario denuncia ante a Xunta o proceso de fusión da Cámara de Comercio con Vigo e Vilagarcía
Por Redacción |
-
A Xunta require a Cámara de Comercio que convoque ao Pleno de xeito extraordinario para aprobar a fusión
Por Oskar Viéitez |
-
As Cámaras de Comercio de Pontevedra e Vilagarcía conservarán traballadores e sede tras a fusión
Por Natalia Puga |
-
A Xunta 'bendice' a fusión das Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía
Por Redacción |