O Pleno provincial aproba o convenio co Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O Pleno da Deputación aprobou cos votos do Partido Popular un expediente de modificación do presuposto 2015 por 2,3 millóns de euros para, entre outros asuntos, dar cobertura ao convenio co Concello de Pontevedra.
"Son obras importantes e necesarias", xustificou José Manuel Figueroa, que presidiu a sesión plenaria ante a ausencia do titular da institución Rafael Louzán.
Segundo detallou Figueroa, o convenio co concello capitalino ten un montante total de 720.000 euros.
Na súa intervención o voceiro do grupo provincial do BNG, César Mosquera, detallou que se trata da mellora e pavimentación da antiga estrada provincial Pedra do Lagarto-Marcón, e a mellora no firme na antiga estrada provincial Mollabao-Sixto, así como a reparación da ponte sobre o río Rons, na Gándara, na Xunqueira de Alba.
O acordo tamén inclúe unha serie de melloras na Comandancia da Garda Civil, para resolver uns problemas de humidades, goteiras e outras incidencias do edificio, "ainda que está en Poio e non en Pontevedra", reprochou Mosquera.
Non foi a única queixa do deputado nacionalista, César Mosquera, tamén lamentou o "atraso" destas actuacións xa que "eran a conta do convenio de febreiro 2014". Por todos estes motivos o BNG abstívose na votación.
Pola súa banda, o voceiro do grupo socialista, Santos Héctor, alertou do "posible incumprimento" da Lei de Estabilidade Presupostaria segundo o informe emitido polo Interventor da Deputación que recomendou que o diñeiro se destinase a "operacións de débeda" para cumprir coa "regra de gasto". Por iso, o PSdeG tamén se abstivo.
Relacionadas:
-
A vindeira semana cortarase ao tráfico a ponte da Gándara
Por Oskar Viéitez |
-
Nun mes empezarán as obras na Ponte da Gándara sobre o río Rons
Por Redacción |
-
A Deputación incluirá no convenio co Concello a mellora dos accesos á Comandancia da Garda Civil
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación reparará a 'oxidada' ponte da Gándara, na Xunqueira de Alba
Por Redacción |