Unha 'Comida ás cegas' para poder saborear o mundo dun invidente
Algunha vez intentaches picar unha croqueta desas redondas que por moito que a persegues co garfo o único que fai é afastarse máis de ti? Pois imaxinade esa mesma sensación pero sen ver a croqueta, téntala e téntala polo prato ata que a encontras e cando por fin a tes localizada se escapa unha e outra vez ata que abandonas o garfo e a colles cos dedos.
A dura "batalla" entre coitelo, garfo e culler contra a comida finaliza cuns exhaustos comensais que entre risas e charlas eloxian a habilidade dos invidentes e a torpeza dos que por un día, coa axuda dun anteface, deixan de ver para sentir como é a vida destas persoas.
Máis de 50 comensais réunense no restaurante do centro Carlos Oroza entre asociados da ONCE, asociados de Juan XXIII e os convidados a vivir esta experiencia dunha 'comida ás cegas'. Non todos os convidados aceptan o reto de quedar cegados polo anteface durante o xantar, pero os que si o fan primeiro escoitan as "normas" ou recomendacións que tanto Tina Otero, profesora de CIFP Carlos Oroza, como Pilar Tallón, vicedirectora do centro, dan os comensais. O garfo debe usarse coma se fose o noso pau guía no prato. Cos dentes do cuberto cara arriba vaise tentando o prato delicadamente ata notar algún alimento, unha vez localizado xiramos o garfo e picamos ese anaco que intentaremos levarnos á boca.
As instrucións non parecen difíciles, ademais, os alimentos deben estar preparados para que sexan "doados" de comer. Anacos non moi grandes, sen ósos nin espiñas e colocados de forma organizada no prato para que o camareiro, unha vez poña o prato na mesa, só teña que facer unha descrición que faga máis levadeira a tarefa de encontrar cada cousa.
Imaxinamos que o prato é un reloxo e coma se unha operación militar fose así descríbese a situación de cada alimento no prato. Ás 12 a minestra, no centro a pescada e ás 3 a salsa. Sinxelo, verdade? Pois unha vez aprendida a teoría hai que poñela en practica. E non, non é doado.
Os estudantes do CIFT Carlos Oroza poñen en practica o que aprenderon grazas aos instrutores da ONCE que foron ao centro especificamente para ofrecer algunhas clases de como traballar para persoas con minusvalidez visual. Na cociña intentan adaptar os seus pratos simplemente colocando os alimentos no prato, deixando de lado as vaixelas con adornos para non confundir os convidados que posúen unha visión parcial e, claro está, deixando moi limpos os alimentos que puidesen ter espiñas ou ósos. No salón tamén teñen que seguir unhas normas especiais: describir os pratos, estar moi atentos para axudar aos comensais e colocalo todo coidadosamente na mesa para facilitar a localización de copas, cubertos, o pan, o prato...
A experiencia para os invidentes é moi boa, pero para os que se poñen o anteface, aínda que é instrutiva e interesante, presenta algún problema de adaptación. Pilar Tallón comenta como ata en tres ocasións seguidas se levara o garfo baleiro á boca, pero é que os chícharos, as patacas, a cabaciña e a cenoria, todos con forma redonda, se resisten bastante a ser comidos. Aos esquivos alimentos, que parecen ter vida, había que sumar a tarefa de cortar un anaco axeitado para poder comelo. Minúsculos ou xigantescos e, en rara ocasión, de tamaño decente. Os comensais que comparten mesa tamén comparten "trucos" que, pouco a pouco, van descubrindo por perspicacia máis que por técnica.
Unha experiencia "moi interesante, marabillosa e educativa"
Cando a comida remata e todos os asistente toman o café chega a quenda de quitar o anteface, non moitos conseguiron mantelo durante todo o tempo que durou o xantar xa que a sensación xeral era estraña e un pouco angustiosa. Carlos Acuña Rubio, presidente da asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia, é un dos poucos que aguanta case todo o tempo cos ollos tapados, só se retirou o anteface para poder ver se tiña o prato baleiro nalgunha ocasión.
En xeral, Carlos Acuña describe a experiencia como algo "moi interesante, marabillosa e educativa". Fala da distorsión que sofre co espazo que lle rodeaba ao levar o anteface, a identificación dos elementos na mesa convértese nunha difícil tarefa. A copa que parece estar ao lado de súpeto dá a sensación de estar demasiado lonxe como para alcanzala. Pero en todo momento estivo tranquilo aínda que co temor de tirarse a comida por enriba. Carlos Acuña vaise deste encontro dunha 'comida ás cegas' coa certeza de que lle axudou a poñerse no lugar dos invidentes e de coñecer o seu mundo un pouco mellor, pero como persoa vidente que come coa vista chega á conclusión de que "se tivese visto os pratos os tivese podido saborear máis".
O Carlos Oroza brinda un xantar magnífico especialmente deseñado para os convidados da ONCE e a asociación Juan XXIII, que gozan dunha xornada confeccionada para eles e coa que os demais convidados poden comprender un pouco mellor como se percibe o mundo para as persoas que teñen algún tipo de discapacidade e a importancia de que os profesionais que traballan en sectores como a hostalaría estean correctamente formados para poder desempeñar o seu traballo sen importar que tipo de clientes se lles presente.
ÿNICO CENTRO CON ESTA FORMACIÿN
O labor social que está a realizar o CIFP xa foi premiado pola concelleria de Educación pola creación de actividades de integración co proxecto "Para ti, para min... para todos".
A 'comida a cegas' deste mércores 22 só forma parte deste gran proxecto que pretende promover produtos e servizos turísticos inclusivos, que sexan accesibles e estean adaptados ás persoas con necesidades especiais. As asociacións da ONCE e ALBA aliáronse co centro de hostalaría para formar os rapaces e rapazas co obxectivo de que se convertan en profesionais capaces de atender calquera tipo de clientes nos seus futuros traballos.
O CIFP Carlos Oroza é o único centro de toda Galicia que ofrece esta formación complementaria aos seus alumnos o que, segundo Pilar Tallón, os diferenciará da súa futura competencia o día de mañá cando poidan realizar os seus servizos ante clientes dun nicho de mercado que na hostalaría e o turismo tenden a esquecer.
Relacionadas:
-
Unha canción altruísta para unir a mozos cegos de España e Irlanda
Por Redacción |
-
Pontevedra acollerá un foro sobre o turismo accesible e sensitivo
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra: unha experiencia sensorial máis alá da vista
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Visita a cegas pola cidade de Pontevedra
Por |