Fomento e Concello estudan ampliar o paseo marítimo de As Corbaceiras ata Praceres
Por Alejandro Espiño
Fomento móstrase disposto a ampliar o paseo marítimo da avenida de Marín, polo menos ata o colexio de Praceres. E o Concello de Pontevedra non desaproveitará esta oportunidade. Os servizos municipais prepararon xa un estudo técnico sobre as posibilidades desta infraestrutura. Trátase dun proxecto que tería un custo máximo duns 3,7 millóns de euros. Xa foi remitido ao Ministerio de Fomento para que analice a súa viabilidade.
Segundo explicou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, foi o propio Ministerio a través da súa titular, Ana Pastor, quen se interesou por dita ampliación e solicitou a redacción deste estudo técnico. Nun principio, o Concello de Pontevedra decidiu dividir esta actuación en dúas fases. A primeira daría continuidade ao actual paseo marítimo ata a praia do Cabo, e coa segunda conectaría co paseo do Porto e chegaría ata Estribela.
Esta primeira actuación, máis factible que a segunda, é a que centra o estudo municipal. Trataríase dun paseo que, xunto co actual, tería un percorrido de catro quilómetros. O punto máis conflictivo de salvar, explica Mosquera, sería o treito inicial, desde a parcela de Malvar ata o Nó de Mollabao, "porque o canle de navegación da ría vai moi pegado á autovía".
Para iso, o Concello propón dúas solucións. Ou ben "voar" o paseo sobre a escolleira e modificar a canle de navegación "nun sitio onde é máis ancho e non habería problema para movelo", ou ben, a preferida polo goberno municipal polo seu menor custo e impacto ambiental, reducir a un carril de circulación a autovía ata o Nó de Mollabao, aproveitando o espazo que queda para habilitar o paseo marítimo.
Desde o Nó de Mollabao ata a pasarela das mariscadoras, xusto en fronte do complexo industrial de Lourizán, aproveitaríase o asfalto xa existente. Ata o colexio de Praceres, o Concello propón ou ben servirse da pasarela "que esteticamente non é bonita" ou ben aproveitar o oco que hai entre a pasarela e o asfalto para que o paseo transcorra por aí, "poñendo madeira e aproveitando os piares xa existentes".
En todo caso, dixo Mosquera, trataríase dunha intervención "moi branda" e que non comprometería ningunha acción futura "nin de recuperación ambiental dos terreos nin de reforma da actual autovía". Serán pois os Ministerios de Fomento e Medio Ambiente os que tomen unha decisión sobre a ampliación do paseo marítimo.