Desarticulan en Cotobade un grupo criminal que roubou en 61 restaurantes en tres meses
Por Natalia Puga
A detención de cinco individuos polo roubo dun bar de Tenorio (Cotobade) permite á Garda Civil desarticular un grupo criminal que se adicaba á comisión de roubos en establecementos de hostalaría das provincias de Pontevedra, Ourense e Burgos.
Os detidos (A.L., de 39 anos; C.D., 26; C.F.I., 29; F.P.,19; e T.D., 32) serán postos a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra. A súa detención practicouse este mércores 3 de outubro, pero a investigación que permitiu o seu arresto comezou a principios de xuño deste ano, co obxectivo de localizar os autores de varios roubos en locais de hostalaría cometidos en Pontevedra e Ourense.
Segundo informou a Garda Civil, todos eles están acusados de pertencer a un grupo criminal cuxa finalidade era a comisión de delitos contra o patrimonio, fundamentalmente roubos con forza en establecementos comerciais. O principal obxectivo dos roubos era o diñeiro das máquinas recreativas, de tabaco e das caixas rexistradoras, aínda que se se encontraban ao seu alcance tamén subtraían cartóns de tabaco e outros efectos.
A investigación conxunta das unidades orgánicas de Policía Xudicial das comandancias de Ourense, Pontevedra e Burgos permitiu descubrir que se trataba dun grupo de persoas de orixe romanesa, que se desprazaban dende Barcelona a distintos puntos do territorio nacional.
Tiñan a súa base de operacións en Barcelona
Para estas viaxes usaban os seus propios vehículos e aloxábanse en hoteis onde permanecían albergados varios días, durante os cales se dedicaban á comisión de delitos contra o patrimonio. Pasados uns días regresaban de novo cos efectos subtraídos ao seu domicilio en Barcelona, para volver ao cabo dun tempo e cometer novos roubos. Nalgunhas destas viaxes foron identificados transportando ferramentas susceptibles de ser utilizadas para a comisión dos roubos.
As detencións practicadas tiveron lugar tras haber os investigadores a comisión de 61 roubos con forza, 52 en Pontevedra, 7 en Ourense e tres en Burgos, nos que levaron un bote de 50.000 euros. Todos estes feitos leváronse a cabo nun período de tres meses, o que mostra unha grande actividade delituosa deste grupo.
Varios integrantes da banda foron detidos varias veces en breves prazos de tempo. De feito, a un cónstanlle ata 21 antecedentes policiais por delitos do mesmo tipo.