Volve a Aña Urbana, este sábado 25 diante do Concello
Por Oskar Viéitez
A quinta Aña Urbana encheu de música e animación a sala de prensa do Concello, na que os compoñentes da Asociación Cultural Trepia acompañaron á concelleira Carme da Silva a presentar este evento de música tradicional que terá lugar este sábado, 25 de abril.
A aña fai referencia a toda unha tradición músico-festiva asociada ós traballos do campo que perviviu ata a chegada e xeneralización das modernas maquinarias agrarias. Facíase nun tempo no que non se dispoñía dos tractores, fresadoras e demáis aparellos actuais.
Os traballos máis duros como o labrado e vesado da terra para facer a sementeira, adoitaban ser feitos comunitariamente. Os veciños xuntábanse para axudar nas labradas das leiras de todo o lugar nunha xornada que moitas veces adquiría unha certa inclinación festiva.
O cantar da aña é específico para ese día. Tamén era habitual adobiar un ramo de loureiro ou mirteira que se baixaba para a leira no momento de levar a merenda.
Este mércores 22 de abril haberá un preludio da Aña ás 7 da tarde cunha conferencia sobre esta tradición labrega, ofrecida por Davide Salvado.
O día grande celebraráse na praza de España o sábado.
Desde as 11 horas abrirán os postos do mercado de artesanía e oficios tradicionais. Ás 12,30 haberá un roteiro polas prazas do centro histórico cos tradicionais instrumentos de labor a xeito de percusión.
Ás 14 horas está programado un xantar popular, ata as 17, que se inician os obradoiros, un de toque e outro de baile.
Ás 19 comezan as actuacións dos grupos participantes, e ás 21,30 o chamado Serán da Aña urbana, que consiste en música e baile ate a madrugada.
Relacionadas:
-
Sábado de tradición e Aña Urbana no centro historico
Por Diego Torrado |
-
Trepia organiza un magosto-foliada en Pontemuiños
Por Oskar Viéitez |
-
Os ritos das labradas xermolan na cidade
Por Diego Torrado |
-
O centro histórico danzará o sábado ao 'toque de leghón'
Por Oskar Viéitez |
-
Danza no centro histórico coma se fose na leira
Por Diego Torrado |