Facenda devolverá aos funcionarios as cotizacións da extra de decembro
Por Oskar Viéitez
O Ministerio de Facenda restituirá aos funcionarios no primeiro trimestre do ano as cotizacións da paga extraordinaria de decembro, que foran descontadas da nómina dese mes malia non recibir a paga de Nadal.
O departamento que encabeza o ministro de Facenda e Administración Pública, Cristóbal Montoro, emitiu onte un comunicado no que afirmaba que "lamenta " o "impacto negativo que a falta de adecuación da cota por dereitos pasivos e achegas a mutualidades pola paga extra de decembro poida ter no colectivo dos funcionarios ".
Por esa razón, no primeiro trimestre de 2013 "emendará este efecto" restituíndo un importe equivalente ás cotizacións da paga extra por estes conceptos que se han descontado na nómina de decembro.
Mentres os empregados públicos galegos terán que afrontar unha redución media do 4% do seu salario no próximo ano 2013, segundo explicou este venres a conselleira de Facenda, Elena Muñoz.
Con esta medida, o Goberno galego pretende aforrar 125 millóns de euros.
Muñoz explicou que os empregados públicos da administración autonómica verán recortadas o próximo ano un 40% as súas dúas pagas extra, unha rebaixa que se aplicará a través dos complementos específicos. A Xunta sostén que, deste xeito, os empregados públicos, en lugar de perder unha paga extra completa, como este ano, ingresarán o 60% en cada unha delas.
Os funcionarios teñen cada vez menos poder de compra. Nos últimos trinta meses perderon en torno a un 20,2 % de poder adquisitivo. Esa porcentaxe, que resulta de combinar os recortes que sufriu o seu salario desde o 2010 co alza do IPC durante ese mesmo período, podería elevarse, como mínimo, ata un 24 % o ano que vén.