Repartirán 4.000 euros en premios no tradicional Concurso de Maios de Pontevedra
Por Redacción
O Concello de Pontevedra repartirá un total de 4.000 euros en premios entre os participantes do tradicional Concurso de Maios que, como ven sendo habitual, celebrarase na praza da Ferrería o vindeiro 1 de maio, a partir das once da mañá.
O prazo para que grupos, asociacións ou centros educativos poidan participar nel continúa aberto ata o 28 de abril. Os interesados teñen que inscribirse no rexistro do Concello.
O maio que cada participante presente deberá ser o tradicional de Pontevedra, de forma cónica, de entre 1,5 e 2 metros de altura aproximadamente e adornado con produtos tradicionais (fiúncho, pampillos, margaridas, laranxas e ovos). Tamén se aceptarán, por ser tamén de tradición local, calas, camelias, rosas silvestres e bandeiriñas de papel. Calquera outro elemento de adorno será penalizado.
Os materiais que compoñen a estrutura non serán visibles a non ser os pés de maio e as andas, que serán de madeira. Serán valorados elementos de tipo técnico (como a uniformidade do manto de fiúncho, a elaboración uniforme das coroas de pampillos, margaridas e laranxas, etc.) e artísticos (a distribución dos adornos no maio, a composición de formas e cores, etc.).
A coroa, no caso de presentarse, non deixará ver os materiais da estrutura. Poderá presentarse como remate do maio, ou mellor -por ser tradición en Pontevedra- en estrutura á parte enriba dun pé de madeira. Valorarase a composición de formas e cores, así como o motivo que represente.
Pola súa banda, nas cantigas valorarase a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados. Penalizarase o uso de palabras malsoantes e as coplas copiadas de anos anteriores. Na interpretación, terase en conta o emprego do canto tradicional do maio de Pontevedra, así como a entoación, ritmo e voz dos actuantes. Tamén se valorará o uso dos materiais de acompañamento como os paus de man ou estadullos.
Todos estes aspectos serán avaliados por un xurado que estará integrado por un representante de cada un dos grupos políticos con representación municipal, e un máximo de catro persoas de recoñecida traxectoria no coñecemento e valoración da Festa dos Maios de Pontevedra. O seu ditame será inapelable.
Haberá premios para os mellores maios, as mellores cantigas, ás mellores interpretacións ou ás mellores coroas -tres premios en cada categoría de 350, 300 e 250 euros-. Ademais, o xurado outorgará un premio especial valorado en 400 euros.