Núñez Feijóo asegura que ENCE en Pontevedra é "como Citroen en Vigo ou Inditex na Coruña"
Por Redacción
Apenas un día despois de explicitar no Parlamento a súa postura sobre ENCE, Alberto Núñez Feijóo volveu avalar a proposta do PP pontevedrés acerca da continuidade da empresa na ría de Pontevedra. Trátase dunha decisión, dixo, "moi respectable, moi coherente e moi valente," aínda que avanzou que calquera informe favorable que teña emitir a Xunta ao respecto esixirá as máximas "garantías ambientais".
Tras o Consello da Xunta deste xoves, Núñez Feijóo reiterou o peso da industria forestal en Galicia e os "miles de empregos" para a comunidade que supón a presenza de ENCE en Lourizán e a importancia que ten, especialmente, para o porto de Marín.
Neste sentido, o presidente autonómico chegou a afirmar que a pasteira en Pontevedra "é como Citroën en Vigo ou Inditex na Coruña", matizando que "facendo todos vos axustes na comparación".
Por iso, reiterou que é "imprescindible" abrir o debate sobre a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra e xustificou a nova postura pública do seu partido, o PP, en dúas cuestións: "unha profunda recesión que castiga a todas ás comunidades e a lexislación", porque recordou que quen ten que dicir agora se unha industria se mantén en dominio público é o Estado.
Aínda así, Feijóo recoñeceu que á Xunta lle corresponde emitir un informe ao respecto e se comprometeu a esixir á factoría un cumprimento ambiental estrito. "A depuración da ría debe ser do mil por cen", sinalou.
CRÍTICAS DESDE APDR
Pola súa banda, o presidente da Asociación Para a Defensa dá Ría (APDR) apuntou que ENCE é un "claro exemplo do fracaso da política industrial franquista" e lamentou que o PP en lugar de buscar alternativas "se aferra a este modelo trasnoitado e depredador da natureza e a calidade de vida nunha clara aposta pola defensa do interese privado fronte aos dereitos do conxunto da cidadanía".
Antón Masa entende que defender a permanencia de ENCE en Lourizán supón "defender os seus intereses directos, indirectos e inducidos fronte á defensa dos postos de traballo do marisqueo e dos sectores forestal e turístico".
Relacionadas:
-
A APDR alega contra o informe de Costas sobre a caducidade parcial da concesión de ENCE
Por Daniel Santomé & Natalia Puga |
-
Ence deféndese das últimas críticas asegurando que xera "800 empregos directos, indirectos e inducidos" na bisbarra
Por Diego Espiño |
-
Lores: "A Núñez Feijóo impórtalle un bledo o que pensan os pontevedreses sobre ENCE"
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Fernández pídelle a Pedro Sánchez que recupere a Lei de Costas se accede ao Goberno
Por Redacción |
-
Feijóo anuncia que abrirá no Parlamento un debate sobre a continuidade de Ence en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A permanencia de Ence dependerá da súa "apuesta" por "beneficiar muy directamente" á cidade
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo súmase ao cambio de postura do PP sobre ENCE e abre a porta á súa continuidade na Ría
Por Alejandro Espiño |