Imputan un mozo de 18 anos por vender haxíx preto dun colexio da zona da Xunqueira
Por Natalia Puga
Un mozo de 18 anos ven de ser imputado por vender haxíx ás portas dun centro escolar da zona da Xunqueira. A súa imputación enmárcase no programa de prevención de venta e consumo de drogas nas inmediacións de centros do ensino que a Policía Local de Pontevedra realiza dende o inicio do curso escolar.
A Policía Local indica que o mozo foi imputado por un presunto delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas despois de constatar a venta de haxíx preto dun centro escolar, xusto o último día do trimestre escolar, o venres 21 de decembro..
Os axentes tiñan constancia da concentración de mozos nas inmediacións do devandito centro escolar da zona da Xunqueira, onde se detectaba á presenza de persoas coñecidas como habituais consumidores de substancias estupefacientes.
O 21 de decembro procederon á identificación deste mozo logo de comprobar presenciar como realizaba transacións de droga a cambio de diñeiro. Nese momento levaba enriba nove gramos de haxíx e 70 euros en metálico. Procederon á súa imputación.
No mesmo operativo tramitáronse varias denuncias por tenencia e consumo de drogas na vía pública
No mesmo operativo identificaron un grupo de nove persoas, cinco delas menores de idade, e tramitáronse varias denuncias por tenencia e consumo de drogas na vía pública.
O obxectivo principal deste programa é de previr e detectar infraccións relacionadas coa seguridade cidadán nun grupo social tremendamente vulnerable a este tipo de situacións, tales como tráfico e consumo de sustancias prohibidas, acoso escolar, furtos, agresións.
Para conseguilo, potenciase a faceta preventiva coa presenza de axentes uniformados nas proximidades dos centros educativos, contribuíndo a erradicación de condutas delictivas ou violentas no entorno escolar, prestando especial atención a presenza nas inmediacións dos centros de grupos de mozos alleos aos mesmos, responsables, en numerosas ocasións, de certa sensación de inseguridade.
Este programa de prevención parte da base de que boa parte da vida de relación dos mozos, a formación de grupos, o nacemento de situacións afectivas, o contacto con novas experiencias dáse como consecuencia da asistencia ós centros educativos, de modo que deben ser estes lugares obxectos de especial vixilancia.
Estableceuse un dispositivo permanente de vixilancia do entorno dos colexio, especialmente durante os recreos
Deste xeito, a Policía Local de Pontevedra deseñou un programa de actuacións tendente a detectar situacións relacionadas coa xestación de pandillas violentas, situacións de acoso escolar, violencia nos centros escolares e tráfico e consumo de drogas.
Para tal fin articuláronse actuacións de contacto cos directores do centro de ensino e outros profesores co obxecto de colaborar con eles e actuar en situación de conflito e estableceuse un dispositivo permanente de vixilancia do entorno dos colexio, especialmente durante os recreos.
Ademais, teñen deseñadas instruccións para poñer en coñecemento dos pais calquera información relevante a cerca do comportamento dos seus fillos e protocolos de comunicación as Servizos Sociais do Concello daqueles casos nos que se crea necesaria a súa intervención e de detección de situacións que poidan entrañar desatención ou abandono dos menores por parte dos pais. Neste caso, poríanse os feitos en coñecemento das institucións de protección de menores ou incluso do xulgado cando fose pertinente.
No que se refire ó consumo e tráfico de drogas, as actuacións pasan pola detección destes feitos: denuncia e aviso ao centro cando se dan en horario lectivo e tamén aos pais; a imputación do presunto delincuente por infracción á Lei de Seguridade Cidadá e a súa posta a disposición das autoridades xudiciais.