A "xeración perdida" pola droga en Arousa mantén a Sito Miñanco lonxe de Galicia
Por Redacción
José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, poderá saír a diario de prisión para traballar nunha empresa de construción, pero non poderá volver a Galicia. Así recólleo un auto da Audiencia Nacional que se deu a coñecer nas últimas horas e que establece o 'exilio' do famoso narcotraficante baseándose, entre outras cousas en que "abonda recordar a famosa xeración perdida na zona de Vilanova e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) na que se produciu a morte de moitos mozos como consecuencia do consumo da droga".
O xuíz de Vixilancia Penitenciaria José Luis Castro ditou un auto logo estimado pola Audiencia Nacional sinalando que se Sito Miñanco se mantén lonxe de Galicia "evitará o encontro" coas súas vítimas, entendendo como tales "aquelas familias que sufriron as consecuencias da súa actividade delituosa".
Baséase o xuíz en que Sito Miñanco é "doadamente recoñecible" por moitas das persoas que viven na zona e que "sufriron maioritariamente as consecuencias da súa actividade". ÿ neste punto no que recorda á famosa "xeración perdida" pola droga en Arousa.
O xuíz baséase en que é "doadamente recoñecible" por moitas das persoas que "sufriron maioritariamente as consecuencias da súa actividade"
O auto do xuíz José Luis Castro conta co respaldo da Fiscaía Antidroga, pero non da prisión de Valladolid na que cumpre actualmente a súa pena de prisión. A Audiencia Nacional estimouno de todos os xeitos, pero quixo matizar que "é necesario evitar o dano" que poida producir as vítimas ou os seus familiares encontrarse con el. Miñanco, natural de Cambados, gozara dos seus últimos permisos penitenciarios en Galicia.
Sito Miñanco poderá saír do cárcere todos os días agás os fins de semana como paso previo á concesión do terceiro grao. O narcotraficante pasou en prisión 20 anos ao longo da súa vida, pero con descansos, pois no ano 2001 lle deron a liberdade provisional tras sete anos en prisión, pero aproveitou esa liberdade para volver ás andadas e acabou detido pouco despois por un alixo de cinco toneladas de cocaína. Dende entón só saíu para varios permisos penitenciarios puntuais.
O auto da Audiencia Nacional recolle expresamente esa "rápida reincidencia tras a última excarceración" como un dos factores "negativos" que demostran a "inadaptación" do narco, pero no outro lado da balanza sitúa que xa cumpriu máis das tres cuartas partes da súa condena, que ten apoio familiar e que fixo un "bo uso" dos permisos penitenciarios dos que gozou ata agora. Recorda, ademais, que "manifestou o seu arrepentimento e repudio pola actividade delituosa cometida".
Relacionadas:
-
Sito Miñanco e a súa filla, detidos nunha operación contra o narcotráfico
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Sito Miñanco enfróntase a seis anos de cárcere por blanquear diñeiro do narcotráfico xunto á súa familia
Por Natalia Puga |
-
Sen perdón para Sito Miñanco polo "genocidio" da xeración perdida
Por Marisa Ciordia & Natalia Puga |