Un emocionado Pablo Fernández confirma que non repetirá na lista do PP
Por Alejandro Espiño
Pablo Fernández, concelleiro do Partido Popular dende o ano 2011, non formará parte da lista electoral que ultima Jacobo Moreira para as próximas eleccións municipais. Así o confirmou o propio interesado, nunha rolda de prensa celebrada este martes no Concello de Pontevedra.
Trátase dunha decisión "consensuada e acordada con Jacobo", afirmou un emocionado Pablo Fernández, que non puido reprimir as bágoas ao anunciar a súa saída da Corporación.
Durante esta comparecencia, o concelleiro popular quixo agradecer expresamente a "confianza" que depositou nel Telmo Martín, que "me levou na lista en 2011" no posto número 11, un agradecemento que fixo extensible aos seus compañeiros no partido, familiares, amigos e aos veciños de Pontevedra "que me deron a súa confianza".
Pero Fernández tivo un recordo especial para os "tres amigos para a toda a vida" que se leva desta experiencia política: Ricardo Aguilar, Marta Pérez e José Manuel Guillán.
Este último recordo deixa entrever outros motivos para esta renuncia. Fontes populares apelan á "perda de confianza" mutua entre Pablo Fernández e Jacobo Moreira dende que o primeiro, a finais de 2012, se posicionara inicialmente co sector crítico do PP que cuestionaba abertamente o labor do seu xefe de filas.
O conflito selouse coa saída de catro concelleiros, o propio Guillán, María Biempica, Begoña Laya e Celia Soto. Pablo Fernández, xunto con Ricardo Aguilar, deu marcha atrás na súa formulación inicial e aceptou seguir no grupo municipal do Partido Popular. Dende entón, din estas mesmas fontes, as relacións con Moreira "xa non foron as mesmas".
Relacionadas:
-
RADIO.- Pablo Fernández, un enxeñeiro industrial á fronte dos novos empresarios
Por Marisa Ciordia |
-
Aurora Cañizares acompañará a Jacobo Moreira como número 2 da candidatura do PP
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
"Pontevedra no la inventó Lores", o PP arroupa ao candidato Moreira para aprobar a súa "asignatura pendiente"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |