16 'Masters of wine' gaban as calidades dos viños da D.O. Rías Baixas
Por Redacción
Un total de 16 Masters of Wine de oito nacionalidades distintas están realizando este luns unha visita á Denominación de Orixe Rías Baixas. O grupo, encabezado pola presidenta do Institute of Masters of Wine, Sarah Jane Evans, foi recibido polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; e polo secretario xeral do CRDO, Ramón Huidobro.
Esta é a primeira visita oficial do Institute of Masters of Wine a Rías Baixas, que xa contara coa presenza individual de varios Masters of Wine noutras ocasións, aínda que nunca nun número tan elevado como o de hoxe.
Tras asistir a unha breve presentación sobre a historia, subzonas amparadas e as principais características dos viños Rías Baixas, os dezaseis Másters of Wine participaron nunha cata de 61 marcas de 33 adegas exportadoras, impartida por un técnico do Consello Regulador.
As valoracións que os Másters of Wine realizaron dos viños catados foron moi boas. Así o ratificaron tanto Sarah Jane Evans coma o único Máster of Wine español, Pedro Ballesteros. Ambos os dous coincidiron en gabar as excelentes características dos viños de Rías Baixas, ao tempo que lles auguraron un gran futuro. "Son uns viños fantásticos e moi interesantes", asegurou Sarah Jane Evans, quen destacou ademais que a súa "calidade vai aumentando" co paso do tempo e que "o que máis impresiona é a súa pureza. Os viños Rías Baixas teñen un gran futuro no Reino Unido. Xa en Londres teñen moita sona".
Pola súa banda, Pedro Ballesteros afirmou que as subzonas de Rías Baixas conforman "unha terra que ten grandes viños e grandes xentes", polo que ve necesario que "se vendan co seu nome e o seu prezo". Ballesteros apuntou que a calidade dos Rías Baixas "é boa. Hai algúns viños que son de libro de texto e que serven para definir o que é un Albariño Rías Baixas".
No que á experimentación cos viños se refire, o Máster of Wine español destacou a "efervescencia" deste tipo de iniciativas en Galicia, comparándoa coa afamada área californiana de Sillicon Valley. Neste sentido, animou a "investigar máis. Temos que crer máis en nós e coñecer máis o noso territorio. Non caiamos no erro de vender viño barato como outras rexións, xa que despois é difícil recuperarse. Temos que vender viño a un prezo axeitado". Neste sentido, Ballesteros asegurou que o CRDO Rías Baixas "está no bo camiño", primando a calidade fronte ao prezo.
Finalmente, augurou un gran futuro para as variedades tintas: "Adoro os tintos da DO Rías Baixas e estou seguro de que veremos grandes tintos".
Relacionadas:
-
A colleita 2014 dos viños Rías Baixas recibe a cualificación de 'boa'
Por Redacción |
-
O cuatripartito reclamará a sede do Consello Regulador Rías Baixas para Cambados
Por Oskar Viéitez |
-
As exportacións supoñen xa o 28% das vendas dos viños Rías Baixas
Por Redacción |
-
As Rías Baixas conquistan o corazón de Madrid
Por Marcos del Río |
-
As Rías Baixas promocionaranse como destino turístico nos Museos Gugenheim, Reina Sofía e Serralves de Oporto
Por Redacción |
-
Rías Baixas exporta menos cantidade de viño pero a un prezo máis caro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Os viños escumosos de Rías Baixas contarán con marca e nome comercial propio no Nadal
Por Redacción |