Volverán as chuvias ás Rías Baixas durante o martes pola noite
A inestabilidade atmosférica provocada pola aproximación dunha zona de aire frío farase presente a última hora deste martes cando se espera que as nubes medias que se achegarán polo sur deixen chuvias durante toda a noite e o día seguinte, segundo a información de MeteoGalicia.
A xornada do mércores transcorrerá con ceos alternando nubes e claros, ademais dalgúns chuvascos que se irán intensificando segundo avance a tarde. A temperatura tamén se verá afectada pola inestabilidade atmosférica que marca este día descendendo lixeiramente ata os 22 graos de máxima e os 12 graos de mínima. Os ventos soprarán frouxos de compoñente sur nas Rías Baixas.
A situación meteorolóxica durante o xoves estará moi indefinida entre altas e baixas presións, polo que a dirección oeste dos ventos marcará a xornada e provocará un descenso xeral das temperaturas deixando unhas máximas de 18 graos. Os ceos parcialmente anubrados presentarán na zona do litoral nubes máis compactas que deixarán chuvias de carácter débil e intermitente.
A previsión a partir do mércores 17 e ata o domingo 19 prognostica unha situación meteorolóxica marcada polo anticiclón en superficie, pero tamén pola presenza de aire frío nas capas medias e alta que provocará inestabilidade. Os ceos parcialmente anubrados poderán evolucionar e deixar chuvascos tormentosos nestes días. As temperaturas medias estarán entre os 9 graos de mínima e os 18 de máxima.