Multitudinaria pedalada para pedir unha vía peonil e ciclista segura entre Pontevedra e Marín
Por Natalia Puga
"Xa vai sendo hora de que as nosas parellas, fillos, amigas e familia non nos despidan ao saír da casa cun 'ten coidado', senón cun 'pasao ben'". Con esta mensaxe reivindicativa púxose fin este domingo á pedalada popular entre Pontevedra e Marín organizada en homenaxe a Manuel Mesías Barros e Cristóbal Hermida, dous ciclistas falecidos en senllos accidentes de tráfico na autovía PO-11 no ano 2013 e o pasado mes de xaneiro.
A marcha, organizada polos colectivos Masa Crítica e Pedaladas, reuniu a máis dun millar de ciclistas que saíron dende Pontevedra e Marín e confluíron na rotonda de Praceres. Todos realizaron xuntos o último tramo do percorrido, que rematou na coñecida como rotonda de Malvar, xa na PO-12, para ler un manifesto reivindicativo no que demandaron unha vía peonil e ciclista segura entre Pontevedra e Marín.
O comunicado conxunto dos participantes tamén reivindicou a "necesaria concienciacion da sociedade no respeto a todos os usuarios da vía". Con esta homenaxe quixeron recordar os dous falecidos e, ao mesmo tempo, reclamar que se adopten as medidas necesarias para intentar evitar máis mortes de ciclistas nas estradas.
A súa proposta xa é urxente, pois coa chegada da primavera aumenta o número de ciclistas nas estradas. Parte da base de que o tramo 2,7 quilómetros das vías PO-11 e PO-12 entre Pontevedra e Marín ten características urbanas e debería ter limite 50 km/h e contar cun radar de control de velocidade por ser un punto negro na rede viaria.
A pedadala concluíu coa inauguración dun monumento conmemorativo na zona verde da rotonda de Malvar, tres bicicletas brancas que recordarán a Cristóbal Hermida e Manuel Mesías e servirán para concienciar sobre os graves accidentes con ciclistas falecidos. Na inauguración estiveron presentes as familias dos falecidos e os alcaldes de Pontevedra e Marín, Miguel Anxo Fernández Lores e María Ramallo.
Finalizado o acto, os ciclistas que o desexaron puideron percorrer durante unha hora a autovía PO-11 nunhas circunstancias imposibles no día a día: libres doutros vehículos que non fosen bicicletas. A vía permaneceu cortada entre as 13.00 e as 14.00 horas para a circulación segura dos asistentes á pedalada.
Relacionadas:
-
Chamamento aos pontevedreses para poñer fin ao vandalismo no monumento aos ciclistas falecidos
Por Redacción |
-
A ‘autovía’ de Marín xa está pechada aos ciclistas
Por Diego Torrado |
-
Masa Critica, catro anos reivindicando un espazo para as dúas rodas
Por Redacción |
-
Costas inicia os trámites para avanzar no paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín
Por Redacción |
-
Louzán desvela que o Goberno ten "moi avanzado" o proxecto de paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento "estuda" o proxecto para unir peonilmente Pontevedra e Marín
Por Oskar Viéitez |
-
En bicicleta para reclamar máis seguridade para peóns e ciclistas na autovía de Marín
Por Redacción |
-
Falece un ciclista atropelado por unha furgoneta na Autovía de Marín
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Meiro celebra o domingo a súa XVIII Concentración de Bicicletas, recordando este ano a Cristóbal Hermida
Por Redacción |
-
Morre un ciclista atropelado por un camión na entrada do Porto de Marín
Por Redacción |