Que fago se empeza a saír fume?
Por Mónica Patxot
Que hai que facer cando se declara un incendio no interior do edificio no que un se encontra? Reaccionar rápido e de forma organizada é unha das claves para que as chamas que se iniciaron non provoquen consecuencias aínda maiores, pero non sempre é doado en situacións de urxencia, co perigo ao axexo. Para que o fume non os sorprenda sen saber como actuar e minimizar, desta forma, os efectos dun lume, no centro sociocumunitario da rúa Alameda practicaron este venres un simulacro.
Os usuarios do antigo Fogar do Pensionista de Pontevedra estaban avisados de que o venres 10 ás 11.30 horas se faría un simulacro de incendio, os carteis levaban días instalados nos edificios dos arredores e, malia todo, o factor sorpresa deixouse notar na actuación. A unha das mulleres que utiliza habitualmente o centro sorprendeuna mesmo poñéndose unha tinguidura no cabelo.
Esta medida preventiva incluíu a participación dos usuarios do centro, o persoal e responsables deste e efectivos dos Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra. Grazas á colaboración e á actitude positiva e proactiva de todos, incluído o sentido do humor dos usuarios, desenvolveuse segundo o previsto e cun balance positivo.