Asalto nocturno á reitoral de Tenorio: "Revolvieron todo en tiempo de nada"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Jesús Escudeiro estaba a durmir cando, de súpeto, sentiu un ruído de cristais que rompían no exterior do seu cuarto. Incorporouse, calzouse, vestiu o pantalón e, cando se dispoñía a saír para descubrir que pasaba, viu luces acendidas. Pechou outra vez a porta, colleu o teléfono móbil e chamou a Garda Civil. Falou "alto, para que me oyeran ellos" e, xusto nese momento, dous homes deron un empuxón á porta. "Ya me cogieron a mí, me mandaron sentar y me revolvieron todo", relata. Jesús é o cura párroco de San Pedro de Tenorio, en Cotobade, e estaba a ser vítima dun asalto na súa vivenda.
Todo aconteceu sobre as catro e media da madrugada deste xoves 9 ao venres 10 na reitoral de Tenorio, cando Jesús Escudeiro, de 85 anos, estaba só no interior. Horas despois, con falar pausado, pero voz que revela preocupación, revive paso a paso todo o que aconteceu. Confesa que o susto "en el momento no fue mucho", pero, a medida que foi pasando o tempo, e "pensando la cosa", se sentiu "peor". "Por suerte", recoñece, non sufriu danos físicos, pero si sufriu outra consecuencia a maiores do temor que se apoderou del: os asaltantes levaron un botín duns 700 euros, 600 da súa billeteira e uns 100 en moedas de cambios da Igrexa que gardaba sobre unha mesa.
Os asaltantes eran dous homes varóns duns 30 anos, levaban luvas e a cara tapada. Jesús non os viu entrar, pero sabe perfectamente cales foron os seus movementos. Ao seu paso deixaron un rastro de portas e ventás rotas, que este venres os operarios se afanaban en arranxar. A primeira foi a porta que comunica a horta coa planta superior da reitoral e nela sospeita que xa actuaran horas antes da súa irrupción de madrugada.
Ás oito e media da tarde ten constancia de que todo "estaba cerrado perfectamente", pero ás dez e media da noite "cuando iba a acostarme, estaba roto". Alguén esnaquizara o pasador, pero dada a hora, pechouna como puido e se foi ao seu cuarto. Confesa que "ya no quedé muy tranquilo de noche porque sabía que estaba la puerta forzada". A uns dez metros, desmontaron o cristal dunha ventá e accederon á área na que se sitúan os cuartos. Dúas portas esnaquizadas máis tarde, chegaron ao cuarto do párroco. Nunha romperon un cristal e, cando os anacos caeron ao chan, xeraron o ruído que espertou a Jesús.
Todo aconteceu rápido. Calcula que estiveron con el "unos 6 u 8 minutos". Nada máis entrar no seu cuarto, colleume un polo brazo e díxome: "me cogió uno por el brazo y me dijo: 'siéntese y no se mueva'". El sentouse na cama e "estuve allí sentando, mirando cómo revolvían la habitación". Presenciou como collían a súa billeteira e revisaban todo o interior, para o que tiraron toda a roupa ao chan.
"Revolvieron todo en tiempo de nada", relata, convencido de que non estiveron moito tempo porque escoitaron a súa chamada de emerxencia e "se debieron dar cuenta de que la cosa era urgente y venía la Guardia Civil". Agradece que fose así, pois se tivesen quedado máis tempo poderían terlle feito dano e mesmo intentar acudir á igrexa, o edificio contiguo á reitoral.
Xusto despois de conseguir o botín, volveron sobre os seus pasos, saíron pola porta de acceso á horta e el imaxina que tiñan o coche aparcado ao fondo da pista. Nunca antes sufrira ningún delito máis grave que pequenos furtos e agora xa teme que poidan volver. A Garda Civil de Pontevedra xa recolleu probas na casa e agora mantén aberta unha investigación para dar cos ladróns.