O bo tempo regresará o sábado e manterase ata o martes nas Rías Baixas
Os ceos anubrados e os chuvascos intermitentes estarán presentes durante toda a xornada deste venres en Galicia, aínda que pola tarde na zona das Rías Baixas comezarán a remitir. As nubes e o vento soprará frouxo de compoñente oeste. As temperaturas non terán grandes cambios, manténdose a mínima nos 10 graos e cun lixeiro descenso das máximas aos 18 graos.
O sábado volverá a estabilidade meteorolóxica pola presenza das altas presións situadas ao norte da península Ibérica. Segundo o parte de MeteoGalicia o día comezará con nubes baixas e néboas no interior que se irán retirando progresivamente para dar lugar a ceos pouco anubrados ou despexados. As temperaturas mínimas terán un descenso ata os 9 graos mentres que as máximas ascenderán ata alcanzar novamente os 19 graos. Os ventos seguirán soprando frouxos dende o oeste durante a mañá e cambiarán a compoñente norte pola tarde.
O fin de semana concluirá co predominio da influencia anticiclónica sobre Galicia. A mañá do domingo comezará con nubes altas na zona do litoral das Rías Baixas que irán diminuíndo no transcurso do día. Os ventos frouxos soprarán de compoñente norte con intervalos moderados no litoral e as temperaturas experimentarán un ascenso xeral das mínimas e as máximas chegando a alcanzar os 23 graos.
O luns traerá un comezo de semana marcado polo bo tempo podendo chegar a alcanzar os 24 graos de temperatura. O anticiclón que está centrado no norte de Francia xunto á presenza de aire frío en capas altas ao oeste de Portugal xerará certa inestabilidade atmosférica coa que se agardan ceos pouco anubrados ou despexados pola mañá, con nubes e claros pola tarde. Os ventos soprarán dende o leste xeralmente frouxos.
A xornada do martes seguirá baixo a influencia anticiclónica polo que se espera un tempo seco e moi soleado. A partir do mércores aproximarase unha zona de aire frío que aumentará a inestabilidade atmosférica, polo que a probabilidade de chuvascos intermitentes se incrementará.