Nutricionista, 29 anos e embarazada: Así é Lidia Folgar, a moza de Caldas que concursa en Masterchef
Por Alejandro Espiño
Pontevedra está de novo representada en Masterchef, o concurso de cociña máis coñecido da televisión española. Lidia Folgar, unha nutricionista de Caldas de Reis, é unha das quince persoas seleccionadas para participar na terceira edición deste programa de TVE, que se estreou onte á noite con grande éxito de audiencia: máis de tres millóns de espectadores seguiron os primeiros pasos destes aspirantes a converterse no mellor cociñeiro afeccionado do país.
Ten 29 anos, rexenta unha consulta de saúde e alimentación en Caldas e chega a Masterchef con sorpresa baixo o brazo. Durante as probas de selección do programa, decatouse de que estaba embarazada. Esa condición, avisa, non supoñerá ningunha desvantaxe para ela con respecto aos seus outros catorce compañeiros porque asegura que unha muller embarazada "no es una enferma".
Descríbese a si mesma como unha persoa "luchadora, exigente y muy honesta". Interésalle moito o punto de vista nutricional da gastronomía e está afeita a cociñar con produtos ecolóxicos da súa propia horta. Por iso, no seu video de presentación, destaca que espera que este programa lle axude a recibir unha formación "que me permita hablar con propiedad de la cocina".
Ademais, preséntase como unha muller directa, competitiva e perfeccionista ao máximo e que a diplomacia non se encontra entre as súas virtudes. Isto é algo que os espectadores xa puideron comprobar no primeiro programa, no que protagonizou unha pequena lea con Pepe Rodríguez, un dos tres xuíces que supervisan o traballo de todos os aspirantes.
Lidia, como boa dietista-nutricionista, controla ao milímetro as calorías do seu prato. A súa proposta para entrar nas cociñas de Masterchef foi unha receita na que, ademais de polo -o produto que debían utilizar obrigatoriamente- había un alto compoñente de fibra, vitaminas, minerais e graxas polisaturadas, ideal para persoas con colesterol elevado, estrinximento ou obesidade.
Tras esta descrición, Pepe Rodríguez preguntoulle se co seu futuro fillo ía ser "tan escrita" na alimentación ou daríalle algunha vez un bocadillo de chourizo. Lidia explicoulle que na despensa da súa casa non entra nin o chourizo nin o chocolate, unha afirmación que provocou un debate entre ambos os dous, xa que a pontevedresa lle dixo ao cociñeiro toledano que partía dun concepto erróneo "de que comer sano no es disfrutar".
Pepe Rodríguez votou non á presenza da pontevedresa no programa, pero a moza clasificouse para a proba final grazas ao apoio dos outros dous xuíces, Jordi Cruz e Samantha Vallejo-Nágera, que valoraron positivamente a súa proposta e a súa visión sobre a cociña. Posteriormente, dos trinta que cociñaron un último prato, ela foi unha das quince elixidas para concursar nesta terceira edición de Masterchef grazas ao seu pastel de cabaciña e coello con salsa de cogomelos e améndoas.
Lidia Folgar é a segunda pontevedresa que participa neste programa de cociña. O ano pasado, Churra, unha ama de casa de 71 anos, foi unha das grandes sensacións do concurso. Foi eliminada nas primeiras semanas, pero converteuse nunha das concursantes máis populares grazas ao seu carácter alegre e desenfadado. A de Caldas terá tempo a partir de agora para demostrar o seu bo facer nos fogóns.
Relacionadas:
-
Ketty, unha pontevedresa "por amor" que participará na sexta edición de Masterchef
Por Alejandro Espiño |
-
Belén Roca, unha marinense en Gran Hermano VIP
Por Redacción |
-
Lidia Folgar, expulsada de Masterchef ás portas da final do concurso
Por Alejandro Espiño |
-
As Rías Baixas, en 'MasterChef': visita ás bateas do Grove e cociña con mexillóns en Pepe Vieira
Por Alejandro Espiño |
-
Churra, eliminada de MasterChef: "Fue todo muy duro, pero me voy feliz. Ha sido una oportunidad de oro"
Por Redacción |
-
Churra, unha pontevedresa de 71 anos, a aspirante "máis entrañable" da segunda edición de MasterChef
Por Redacción |