A Federación de Confrarías esixe máis seguridade ante o aumento de roubos nos portos
Por Oskar Viéitez
Ante a ondada de roubos e sabotaxes que se está a rexistrar en todos os portos do litoral pontevedrés, dende a Federación de Confrarías de Galicia dirixíronse por escrito á Delegación do Goberno para esixir seguridade.
Proliferan as queixas dende distintas as confrarías de pescadores que alertan por este elevado incremento de roubos que se están a producir nos portos.
No seu escrito solicitan "que se coordinen medidas coas distintas Forzas de Seguridade do Estado" que melloren este problema de seguridade.
Dende esta Federación tamén se poñerán en contacto co ente público Portos de Galicia, entidade da que dependen as dársenas portuarias, así como coa totalidade das confrarías de Galicia para que se dirixan ás Xuntas de Seguridade locais, alí onde existan, ou ao alcalde correspondente e formulen medidas para erradicar este problema.