Volve Pontenbici, actividades para fomentar o uso da bicicleta en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Fomentar o uso da bicicleta, un dos medios de transporte máis saudables, entre os pontevedreses. Ese é o obxectivo que se marca Pontenbici 2015, unha iniciativa do Concello de Pontevedra. Durante case un mes, programáronse diversas actividades lúdicas, deportivas e culturais para desfrute dos amantes dos dous pedais, un colectivo cada vez máis numeroso na cidade.
A primeira cita será este domingo 12 de abril cunha nova pedalada popular. Partirá ás once e media da mañá da praza de España de Pontevedra. Percorrerá posteriormente as rúas da cidade e atravesará a autovía de Marín ata Os Praceres, volvendo despois á rotonda de Malvar. En total, oito quilómetros. Alí, como homenaxe aos ciclistas falecidos na autovía de Marín procederase á inauguración dun monumento conmemorativo.
Dentro deste programa inclúense tamén o critérium de piñón fixo e clásicas, que terá lugar o sábado 2 de maio a partir das catro e media da tarde; ou a Feira da Bicicleta, os días 9 e 10 de maio, un evento que incluirá, entre outras actividades, a exposición e venda de bicicletas, un mercado de segunda man, actividades de karts a pedais, unha pedalada nocturna ou a entrega dun premio de mobilidade ciclista.
As rutas en bicicleta serán outra das grandes apostas deste programa.
Por un lado, con Natureza sobre rodas, que percorrerá a Xunqueira de Alba e a ruta Xacobea o 19 de abril e a ruta de San Bieito de Lérez o 10 de maio. Ambas as dúas son actividades para maiores de sete anos e sairán da Praza de España ás once da mañá. E por outro con Ponterutas, que levará aos participantes -todos eles maiores de 16 anos- polo Gafos ata Vilaboa (26 de abril), polas fervenzas da Barosa (3 de maio) e os petróglifos da Caeira e os muíños da Seca (17 de maio).
Ademais, Pontenbici 2015 terá unha vertente cultural. Será a través dun ciclo de cine que se desenvolverá na Casa das Campás. Nel, xunto con diferentes coloquios, proxectaranse as películas Les triplettes de Belle Ville (20 de abril), A bicicleta verde (21 de abril), A bicicleta de Beijing (27 de abril), O neno e a bicicleta (5 de maio) e Le veo de Ghislain Lambert (19 de maio). Todas as sesións comezarán ás oito da tarde.
Relacionadas:
-
A fin de semana da feira da bicicleta, o prato forte de Pontenbici
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
O piñón fixo dáse a coñecer co primeiro Criterium Pontevedra
Por Diego Torrado |
-
Medio cento de bicicletas sen freos percorrerán o centro
Por Natalia Puga |
-
As rutas de Natureza sobre Rodas regresan a Pontevedra este domingo
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Un informe de Tráfico aconsella prohibir o paso de peóns e ciclistas pola autovía de Marín
Por Alejandro Espiño |
-
En bicicleta para reclamar máis seguridade para peóns e ciclistas na autovía de Marín
Por Redacción |