Catro camelias novas e dous bancos máis para A Ferrería
Por Alejandro Espiño
A Ferrería renovará lixeiramente o seu aspecto nos próximos días. Despois de que se sequen varias das tradicionais camelias que rodean a praza, o Concello de Pontevedra decidiu substituílas.
Para iso, explican, había que esperar á época de floración. De aí que dúas concellarías, Parques e Xardíns e Patrimonio Histórico, se puxesen mans á obra nos últimos días.
As primeiras camelias que se secaron retiráronse xa o pasado mes de agosto e outras dúas podáronse nos últimos días, despois de que técnicos municipais concluísen que a súa recuperación non era posible.
Estas catro camelias, repartidas por distintos puntos da praza, serán substituídas por novos exemplares, segundo informou este martes o Concello de Pontevedra.
Ademais, engadiranse novos elementos de mobiliario urbano. En concreto, colocaranse dous novos bancos na parte baixa da praza, xunto aos soportais da rúa San Román.
Xunto con estas dúas actuacións, o goberno municipal prevé substituír os quioscos da praza por estruturas máis acordes co ámbito histórico no que se encontran.