Un informe de Tráfico aconsella prohibir o paso de peóns e ciclistas pola autovía de Marín
Por Alejandro Espiño
A mobilidade peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín pode verse dificultada se saen adiante os plans da Dirección Xeral de Tráfico. Un informe da DGT sobre a perigosidade para a seguridade vial das estradas PO-11 e PO-12, coñecidas popularmente como a autovía de Marín, conclúe aconsellando o Goberno que prohiba o paso a peóns e ciclistas entre Mollabao e Estribela.
Así o denuncian Masa Crítica e Pedaladas, dous colectivos que encontraron o respaldo do Concello de Pontevedra nas súas reivindicacións. Ambas as dúas asociacións cren que a medida suxerida neste informe, encargado tras a morte dun ciclista o pasado mes de xaneiro, prexudica non só aos usuarios da bicicleta, senón aos pescadores e mariscadoras que faenan na zona ou mesmo á ruta que todos os anos se fai polos Milagres de Amil.
Recordan que esta vía é unha "mal chamada autovía", xa que non ten as características propias dese tipo de estradas, polo que sería unha "anomalía" dentro da rede viaria prohibir o seu uso para peóns e ciclistas.
O tramo da PO-11 e PO-12 entre a rotonda de Malvar e Estribela, recordan, ten 2,7 quilómetros de lonxitude, está situado dentro do mesmo municipio e ten características urbanas. Actualmente está limitado a 80 quilómetros por hora na súa maior parte, pero estes colectivos suxiren que pase a contar cun límite de velocidade de 50 quilómetros por hora e que conte cun radar para controlar os excesos que poidan cometer os vehículos.
Con estas medidas de "urxencia", Masa Crítica e Pedaladas cren que podería seguir convivindo todo tipo de tráficos e resolver o actual "punto negro" que supón esta estrada para a seguridade vial. Nos dous últimos anos, perderon a vida en diferentes puntos deste tramo dous ciclistas e un pescador. Os tres foron atropelados por vehículos particulares.
Neste sentido, o concelleiro de Mobilidade, Miguel Filgueira, avanzou que o goberno municipal comparte totalmente a petición destes dous colectivos. Asegurou que limitar o acceso a peóns e ciclistas complicará a comunicación entre os municipios de Pontevedra e Marín "e xa ás veces temos problemas de interacción". Entende que a seguridade "é importante", pero reitera que "hai outras medidas" que poden tomar.
Entre elas, o Concello de Pontevedra reitera a petición realizada a Fomento no seu día para crear un carril ciclista e unha senda peonil que transcorra paralelo á PO-11 e PO-12. "En principio están reacios a levalo para adiante", recoñeceu Filgueira, pero o goberno municipal seguirá loitando por esta solución para mellorar a seguridade vial neste punto da rede viaria pontevedresa.
Relacionadas:
-
O colectivo Masa Crítica equipa as súas bicicletas con cámaras para denunciar aos vehículos infractores
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Louzán desvela que o Goberno ten "moi avanzado" o proxecto de paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento "estuda" o proxecto para unir peonilmente Pontevedra e Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Volve Pontenbici, actividades para fomentar o uso da bicicleta en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
En bicicleta para reclamar máis seguridade para peóns e ciclistas na autovía de Marín
Por Redacción |
-
Falece un ciclista atropelado por unha furgoneta na Autovía de Marín
Por Redacción | Creada e actualizada