A Garda Civil detén aos presuntos autores de varios roubos en vivendas en Sanxenxo
Por Redacción
A Garda Civil detivo a dous veciños de Sanxenxo, como presuntos autores de varios roubos en distintos pisos da localidade.
As detencións, que foron levadas a cabo o venres por efectivos do Posto da Garda Civil de Sanxenxo, permitiron o esclarecimiento de 4 roubos que se cometeron durante os últimos días en distintas vivendas no casco urbano desta localidade.
Segundo as investigacións realizadas, a secuencia cronolóxica dos feitos púidose iniciar nunha vivenda situada na rúa Luís Rocafort, á que os autores accederon, logo de romper unha fiestra do inmueble, substraendo unha importante cantidade de roupa e menaxe do fogar.
A continuación, desprazáronse á rúa Coruña onde perpetraron outros tres roubos no mesmo edificio, apropiándose, do mesmo xeito que no anterior, dunha importante cantidade de roupa, enseres domésticos e xoias.
Algúns dos obxectos que subtraeran nas vivendas da primeira planta deste último edificio recuperáronse, na planta baixa, onde os tiñan depositados, pendentes de levalos.
O dispositivo policial de prevención e as pesquisas da investigación levadas a cabo pola Garda Civil de Sanxenxo permitiron a inmediata localización dos presuntos autores, ocupándoselle a un deles, no momento da detención, algunha das xoias que foran substraídas.
No rexistro domiciliario levado a cabo na vivenda que compartían os detidos, puidéronse recuperar a maior parte dos efectos roubados e algúns outros cuxa procedencia descoñécese, que pode levar á imputación doutros roubos de similares características.
Os detidos R.F., de 27 anos, e F.A. de 38 anos de nacionalidade marroquí e arxelina respectivamente, foron postos hoxe a disposición do Xulgado de Instrución número 1º de Cambados, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.