Fin de semana de ceos despexados con temperaturas que chegarán aos 22 graos
Por Redacción
A influencia anticiclónica sobre Galicia e, en concreto, sobre as Rías Baixas persistirá durante a xornada do sábado 4 debido á presenza do anticiclón que se encontra centrado en Irlanda. Os ceos, segundo o servizo de MeteoGalicia, encontraranse moi abertos coa posibilidade da entrada de escasas nubes ao longo da tarde. As temperaturas sufrirán un descenso lixeiro situándose arredor dos 20 graos con ventos que soprarán do nordés.
A presenza do anticiclón continuará tamén durante o domingo achegando estabilidade. As temperaturas mínimas non sufrirán cambios situándose arredor dos oito graos mentres que as máximas seguirán roldando os 22 graos. Os ventos soprarán de compoñente este, con intervalos moderados.
A meteoroloxía estará marcada durante o luns 6 pola situación intermedia entre as altas presións das illas Británicas e a baixa relativa da península Ibérica, con predominio de estabilidade. Espérase unha xornada de ceos pouco anubrados ou despexados. As temperaturas máximas descenderán lixeiramente situándose arredor dos 20 graos. Os ventos continuarán soprando de compoñente este.
Nas xornadas do martes e do mércores tampouco se agardan cambios significativos no tempo na zona das Rías Baixas, segundo MeteoGalicia, grazas á influencia anticiclónica, con ventos que soprarán do leste e do nordés con temperaturas suaves durante o día.