El Cafetín, sen premio no concurso "De tapas por Galicia"
Por Redacción
Non puido ser. Rubén González e Sergio Orge volven de baleiro a Pontevedra. El Cafetín non logrou conseguir ningún dos premios do concurso 'De tapas por Galicia', celebrado este martes na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Pero, sen dúbida, xa é todo un éxito ser finalista nun certame que reúne aos sete establecementos que mellores tapas preparan nas grandes cidades galegas.
A mellor tapa de Galicia foi a que presentou Gonzalo Pérez, cociñeiro do restaurante Frank de Ferrol. A súa proposta fusionaba as texturas da cociña asiática cos sabores da cociña galega tradicional. Todo iso no seu Rollito vietnamita de porco celta e cigala, un prato que viña aderezado con verdura e unha escuma lixeiramente picante.
Foi a tapa mellor valorada polos membros do xurado profesional, formado polo cociñeiro pontevedrés Pepe Solla; Francisco González, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Pablo Portabales, crítico gastronómico e Guillermo Fernández, delegado de Hijos de Rivera en Santiago de Compostela.
Neste concurso, organizado por Turismo de Galicia, El Cafetín presentaba a súa reinterpretación da tradicional empanada de bacallau con pasas, a proposta coa que triunfaron no pasado certame PontedeTapas.
A base de masa de follado leva un pan de algas polo medio; o bacallau é cociñado a baixa temperatura; a salsa mariñeira tradicional preséntase en escuma; a cebola, en crocante; o pemento, esferificado; e as pasas, en xelatina coroada por unha pequena alga.
Ademais do gran premio, houbo tamén recoñecementos para Álvaro Villasante (restaurante Paprica, Lugo) que se levou o Premio Especial do Público coa súa Pescada de Celeiro e bocabits de choco e xeado de tomate; e para Lucía Freitas e Nacho Tierno (A Tafona, Santiago), premio Estrella Galicia pola súa tapa Mollejas, cogomelos e Touza Vella.
Relacionadas:
-
Todos a tapear por Pontevedra!
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Pontedetapas adianta a mediados de novembro a súa oitava edición
Por Alejandro Espiño |
-
El Cafetín representará a Pontevedra no concurso 'De tapas por Galicia'
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra tamén 'namora' a Fitur co seu aclamado potencial gastronómico
Por Redacción |
-
Cáncamo Mariscos, El Cafetín e Café Central, gañadores da final de PontedeTapas 2014
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |