Elección de menú para XV Festa do Codillo que se celebrará o 10 de maio
Por Redacción
O xurado encargado de realizar a cata previa á celebración da Festa do Codillo, que terá lugar na Alameda da Lama o domingo 10 de maio, decantouse por unanimidade pola prepación en salsa de curri e mazá con gornición de navicol e patacas asadas presentada pola empresa Grupo Galego de Cátering Arelas, de Vincios (Gondomar).
Os examinadores, entre os que estaba o propio alcalde Jorge Canda e o secretario municipal, Gonzalo Porto, ademais de probar o codillo en salsa de curri, tamén degustaron a súa variedade en salsa de champiñóns con arroz e pemento frito, así como o de tres pementas con cuscús e cabaciña que, aínda que a xuízo dos catadores estaban magníficos, se decantaron polo preparado con curri e mazá.
Por outra parte, o alcalde, Jorge Canda, aproveitou a cata para recordar que a XV Festa do codillo da Lama se celebrará o domingo 10 de maio, a partir das 14 horas, na Alameda lamense e no que se considera un prezo para as racións de 10 euros.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, manifestou a súa satisfacción polo grande interese que levanta esta festa non só entre os residentes no municipio senón entre os centos de persoas que se achegan ata A Lama para participar neste evento de exaltación gastronómica dun dos manxares máis populares de Galicia, neste caso o codillo.
As máis de medio millar de porcións previstas pola organización, ademais do popular e saboroso codillo, van acompañados de pan e viño, así como un prato de barro e servizos co fin de poder favorecer a degustación deste manxar que dende hai anos se homenaxea e exalta na Alameda da Lama.