O tren do Eixe Atlántico xa circula en probas por Pontevedra, os billetes sairán á venda en abril
Por Mónica Patxot
Os billetes dos novos trens de alta velocidade do Eixe Atlántico, entre Vigo e A Coruña, poñeranse á venda ao longo do mes de abril, segundo confirmou este luns a ministra de Fomento, Ana Pastor quen destacou que a posta en marcha deste novo servizo ferroviario permite a viaxe en tempos moito máis curtos, nalgúns casos cunha redución do 50 por cento, e que a conexión entre Vigo e A Coruña se realizará con 10 frecuencias (en cada sentido) e cos mesmos prezos.
A ministra de Fomento efectuou un percorrido polo Eixe Atlántico a bordo dun tren de probas que realizou o traxecto comprendido entre A Coruña e Vigo, e no que puido comprobar o estado da infraestrutura de cara á súa entrada en servizo comercial.
A conclusión dos tramos Padrón-Vilagarcía e Arcade-Vigo Urzáiz, cuxa infraestrutura se encontra en fase de probas, permitirá completar o tramo comprendido entre Santiago de Compostela e Vigo, de 93,9 quilómetros de lonxitude, que quedará conectado así ao traxecto Santiago-A Coruña, de 61,7 quilómetros de lonxitude, xa en explotación.
Ademais, Pastor visitou a nova estación ferroviaria de Vigo-Urzáiz, onde destacou a importancia que este novo servizo terá para os galegos.
Nos próximos días, todo o trazado do Eixe Atlántico entre Vigo e A Coruña, de 155,6 quilómetros de lonxitude total, quedará completado, o que reverterá en importantes aforros nos tempos de viaxe en todas as relacións, á vez que aumentará o confort ao establecerse unhas condicións óptimas de rodadura e trazado. A distancia entre Vigo e A Coruña recórtase en 21,8 quilómetros o que permitirá aforros de tempos moi significativos.
O investimento realizada no Eixe Atlántico A Coruña-Vigo durante esta lexislatura elévase ata os 800 millóns de euros.
EIXE ATLÁNTICO
Esta liña construíuse nun ámbito de gran dificultade orográfica e zonas densamente poboadas. Así, o tramo A Coruña-Vigo conta con 37 túneles, que suman unha lonxitude global de 59,2 quilómetros, un 38% do percorrido total. No tramo Vigo-Santiago sitúanse outros 24 túneles, cunha lonxitude global de 39,7 quilómetros (o 33% do total).
Así mesmo, a liña ten 32 viadutos que suman unha lonxitude de 14,9 quilómetros (un 9,5% da lonxitude total). O tramo Vigo-Santiago conta con 24 viadutos, con 12,2 quilómetros de lonxitude (un 13% do total). O máis longo é o do Sar (2.411 metros), pero seguramente o máis emblemático é o do Ulla (1.620 m), que ostenta un récord mundial de luz (anchura entre piares) para pontes ferroviarias metálicas, cos seus 240 metros.
Relacionadas:
-
Ana Pastor compromete en Vilagarcía unha conexión directa de Alta Velocidade con Madrid
Por Redacción |
-
Máis de 6.000 persoas subiron ao tren na estrea do Eixe Atlántico de alta velocidade
Por Redacción |
-
O Eixe Atlántico, de Pontevedra a Santiago por 11,80 euros e a Vigo por 5,80
Por Oskar Viéitez |
-
O trazado de alta velocidade do Eixe Atlántico comezará a funcionar o sábado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |