Abre La Ultramar, o novo restaurante de Pepe Vieira no Museo de Pontevedra
ultramar.
1. m. País ou sitio que está da outra parte do mar, considerado dende o punto en que se fala.
Moitos dos artistas cuxas obras compoñen a colección permanente do Museo de Pontevedra estiveron vinculados dunha ou outro xeito da emigración. Ese espírito está presente en todos os detalles de La Ultramar, o novo restaurante dos irmáns Torres Cannas no edificio Sarmiento. A súa apertura ao público está prevista para este mércores 1 de abril, pero xa puidemos coñecer todos os detalles dun proxecto que pretende ser unha referencia na oferta gastronómica da cidade.
"Estamos moi ilusionados e esperanzados", explicou Xosé Cannas durante a súa inauguración. "Agora empeza o noso traballo de verdade, xa que ata agora estabamos ocupados na organización da apertura". Trátase dun espazo gastronómico acolledor e accesible, unha mestura de taberna e tenda de ultramarinos, segundo destaca o xefe de cociña pontevedrés, que traslada a marca Pepe Vieira -recoñecida cunha Estrela Michelín- ao formato 'tapeo' apostando pola innovación, a diversidade e a creatividade.
Este novo restaurante ocupa a planta baixa do edificio Sarmiento e a súa entrada está situada no lateral do Sexto Edificio do Museo. Conta con dous espazos e ambientes diferentes: un máis informal con tallos, mesas altas e barra e outro máis tranquilo e similar a un restaurante tradicional. Ambos os dous compartirán, iso si, unha oferta gastronómica que, seguindo coa temática elixida para o conxunto, "ten que ver moito con América, co Atlántico e a cociña atlántica", sinalou Xosé Cannas.
Así, entre un menú composto dunha trintena de pratos "que se irá renovando pouco a pouco por tempadas", encontramos 'steak tartar' de vaca galega, tacos mexicanos de 'roast beef', ceviche de robaliza, bahn ni de papada de porco, segredo ibérico á brasa, focaccia con verduras asadas e sardiña afumada ou un tiramisú de tetiña bañado en licor café, crema de queixo e cacao, entre outros. Todo iso regado cunha ampla carta de viños, coordinada por Xoan Cannas.
Trátase dunha carta que, segundo o cociñeiro pontevedrés, se compuxo tras meses de traballo e experimentación. Por un lado, incorporáronse pratos que "sabemos que funcionan ben" e que se recuperaron da oferta do restaurante de Raxó; e por outro, son pratos feitos ' ad hoc' para Pontevedra "inspirados en viaxes e cociñas doutros países", que se reinterpretaron usando produtos da praza de abastos, apostando así por unha cociña moi vinculada á terra e ás nosas tradicións.
A experimentación na cociña, que foi "compañeira de viaxe" de Xosé Cannas dende os seus inicios, tamén estará presente en La Ultramar "porque ese modo de traballar é o que sabemos". Pero todo está adaptado a un prezo popular -uns 20-25 euros por persoa-, o que "me permite executar pratos que doutro xeito non podería facer" como hamburguesas, tacos ou ensaladas que o outro restaurante debido ao seu formato "non me permitía desenvolver".
La Ultramar abre cun equipo fixo composto por oito persoas, aínda que se prevé chegar aos doce en momentos puntuais
La Ultramar abre cun equipo fixo composto por oito persoas, aínda que se prevé chegar aos doce en momentos puntuais. Abrirá as súas portas ás dez e media da mañá, xa que tamén ofrecerán almorzos e pinchos na barra, e prevén pechar en torno á unha da madrugada. Descansarán os domingos pola noite e os luns, coincidindo tamén co peche do restaurante de Raxó "porque se non me volvería tolo", bromea o cociñeiro.
A oferta complétase cunha especie de tenda de ultramarinos na que se poderán adquirir diferentes produtos de países de medio mundo como salsas, aceites e múltiples produtos gourmet. "Son os que usamos na cociña e intentamos que a xente poida levalos á casa", indicou Xosé Cannas. Ademais, tamén venderán parte do mobiliario que se usa no restaurante como táboas, pratos, vasos ou cuncas. "Todo iso que nos levou tanto tempo escoller e poñemos a disposición do público".
REFORMA DO ESPAZO
Este restaurante completará, destacou Xosé Cannas, a oferta gastronómica da cidade. De feito, sinalou que nos últimos meses estiveron a visitar establecementos próximos para "non repetir e ver o que fai a nosa competencia". Todo ese proceso lévao a asegurar que Pontevedra debe estar "orgullosa" dos seus bares e restaurantes e do "nivel" da xente que os rexenta "á hora de entender a gastronomía". El proponse, polo tanto, "enriquecer o que xa existe e achegar o noso gran de area".
Farao dende un espazo, o edificio Sarmiento, que é outro dos seus grandes potenciais.
A renovación interior, executada por Jairo Bello, realizouse co obxectivo de realzar a arquitectura orixinal de toda a planta baixa do inmoble. Empregáronse para eles "materiais nobres" cun gran protagonismo da madeira maciza e unha coidada iluminación acorde con este ambiente. "Todo moi autentico", sinalou o arquitecto, que tamén destacou que toda a decoración está relacionada coa emigración e cos produtos que traían os barcos que chegaban dende América.
Relacionadas:
-
Unha doce colaboración para unha boa causa
Por José Alberto Graña Pérez |
-
Pecha o restaurante Pepe Vieira en Poio ata o próximo mes de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
Sacan a licitación os contratos para o mobiliario do novo restaurante do Museo
Por Redacción |
-
Un gastrobar, barra de viños, tenda e aula-taller: Así será o novo restaurante de Pepe Vieira no Museo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pepe Vieira xestionará o restaurante e a cafetería do Museo de Pontevedra
Por Redacción |