O bo tempo previsto para esta Semana Santa garante a celebración de todas as procesións
Por Redacción
Esta Semana Santa vaise caracterizar meteoroloxicamente pola presenza de ceos despexados que, a diferenza das condicións do tempo en anos anteriores, permitirán que se celebren na rúa todas as procesións e os actos previstos pola Xunta coordinadora da Semana Santa pontevedresa para os próximos días.
Numerosas persoas achegábanse xa durante a mañá deste sábado 28 para adquirir palmas e ramos nos postos situados fronte ao mercado de abastos. A bendición das palmas e os ramos celebrarase a partir das 12.30 horas do domingo 29 no adro de San Francisco para a continuación iniciarse a primeira procesión da semana coa imaxe de Xesús entrando en Xerusalén. O percorrido será polo centro histórico ata a súa finalización en Santa María.
En Poio, a bendición dos ramos será ás 11.30 horas da mañá na parroquia do Divino Salvador de Poio e na Caeira. En Marcón, a bendición realizarase ao mediodía mentres que en San Martín de Salcedo a celebración está prevista ás 11 da mañá. Mentres que na parroquia do Divino Salvador de Lérez, esta bendición se realizará antes da misa das 12 da mañá.
Os actos na Semana Santa pontevedresa previstos para o luns 30 contarán cun concerto de música sacra en San Bartolomeu a partir das 19.15 horas a cargo da Coral Polifónica Ureca de Vigo. A procesión do Cristo das Caídas desenvolverase ese luns a partir das 20.30 horas coa participación da Confraría da Vera-Cruz e Misericordia. Sairá dende a rúa Sarmiento e realizará un percorrido polo centro histórico.
O martes está prevista a procesión de Xesús Nazareno e María Santísima da Esperanza a cargo da Confraría do Noso Pai Xesús do Silencio, con acompañamento da Confraría da Maior Dor e fieis. Partirá de Sarmiento e finalizará en San Bartolomeu.
Antes dos días festivos, durante o mércores celebrarase a procesión da Santa Virxe da Soidade e Xesús Nazareno coa Cruz a Costas a partir das 20.00 horas con saída dende a rúa Amargura e final na Avenida de Santa María. Ese mesmo día, o Grupo Arume representará a Paixón do Señor no Teatro Principal a partir das 21.30 horas.
Relacionadas:
-
Fin de semana de ceos despexados con temperaturas que chegarán aos 22 graos
Por Redacción |
-
Sete confrarías e un millar de confrades na procesión máis multitudinaria da Semana Santa
Por Diego Torrado |
-
Os Pasos volven por Xoves Santo
Por Diego Torrado |
-
Numerosos devotos asisten á terceira procesión da Semana Santa, a do Nazareno
Por Diego Torrado |
-
A confraría da Vera Cruz sobe en volandas ao Cristo das Tres Caídas
Por Oskar Viéitez |
-
Centos de fieis asisten á bendición dos ramos no inicio da Semana Santa
Por Diego Torrado |
-
Agárdanse máis de 20 graos e ceos despexados a partir do martes nas Rías Baixas
Por Elsa Juliá Sánchez |