Agárdanse máis de 20 graos e ceos despexados a partir do martes nas Rías Baixas
Este venres 27 volve a influencia do anticiclón que, aínda que se encontra centrado ao norte de Madeira, os ventos de compoñente oeste achegarán moita humidade a Galicia. Os ceos cubertos de nubes deixaron unha lixeira chuvia nas primeiras horas da mañá e permanecerán anubrados o resto da xornada segundo a información de Meteogalicia. As temperaturas pola súa banda experimentarán un ascenso ata os 17 graos de máxima na zona de Pontevedra.
A fin de semana iníciase con pouco cambios. Así, o sábado manterá nas primeiras horas nubes baixas e néboas matinais. Os ceos do litoral Atlántico permanecerán anubrados durante a tarde e con orballos pola noite. O vento soprará de forma moderada dende o norte provocando un lixeiro descenso da temperatura mínima que poderá situarse nos 9 graos.
Unha fronte pouco activa atravesará Galicia nas primeiras horas do domingo deixando unha mañá de ceos cubertos coa posibilidade dalgunhas chuvias. As nubes permanecerán no ceo o resto do día no litoral das Rías Baixas. Ademais o vento e a temperatura permanecerán sen moitos cambios con respecto ao día anterior.
O luns non trae grandes cambios meteorolóxicos á zona do litoral. O anticiclón centrado ao oeste de Galicia seguirá enviando ventos moderados con humidade e as néboas matinais permanecerán na zona das Rías Baixas. As temperaturas mínimas manteranse constantes pero as máximas subirán lixeiramente.
A partir do martes o tempo mellorará lixeiramente grazas ás altas presións que se moverán cara ao norte deixando a Galicia baixo a súa influencia. Os ceos estarán mais despexados e con temperaturas que superarán os 20 graos en gran parte do litoral.