A fiscal rebaixa a petición de condenas para Canceliñas e o seu compañeiro Barbosa
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O xuízo contra Canceliñas e o seu compañeiro Barbosa, quedou visto para sentenza tras a rebaixa por parte da fiscal da súa petición de penas.
A Fiscalía apreciou un "concurso ideal impropio" entre os delitos de roubo con intimidación e detención ilegal co secuestro dun médico portugués polo que rebaixa a pena solicitada ata os 24 anos e dous meses para Saturnino Marcos Cerezo Cancelas, Canceliñas e 21 anos e 11 meses para Álvaro Miguel dos Santos Barbosa polos delitos de roubo con violencia na casa habitada en grao de tentativa, un delito de lesións con arma, dous delitos de roubo de uso de vehículo, un delito de tenza ilícita de armas, un de detención ilegal, tres de roubo con intimidación e un delito de quebrantamento de condena cometidos entre o 28 de outubro e o 28 de novembro de 2013.
Inicialmente a fiscal pedía penas que sumaban 28 anos de cárcere para Canceliñas e outros 25 para Barbosa.
A fiscal entende que existen as agravantes de reincidencia no caso de Canceliñas e de disfrace para ambos os dous acusados, polo casco e o pasamontañas co que ocultaron os seus rostros durante o atraco á gasolineira. E descartou o atenuante de "medo insuperable" que alegaba Barbosa, que durante o xuízo insistía en que axudou a Canceliñas "porque lle tiña medo".
A fiscalía tamén reduciu a cantidade que solicita en indemnizacións que inicialmente sumaba 15.360 euros e á que haberá que deducir o diñeiro destinado ao médico secuestrado ao que renunciou expresamente durante o xuízo.
Guillermo Presa, o avogado que defende a Canceliñas, alegou a súa "drogadicción" e "trastorno esquizoide", segundo diagnosticou unha psicóloga hai 30 anos, como atenuantes da responsabilidade criminal no caso do secuestro do médico portugués, único delito que recoñecen.
Canceliñas e o seu cómplice admitiron durante o xuízo que secuestraron o galeno luso xubilado Antonio Veloso cando se encontraba no aparcadoiro dun hipermercado na localidade portuguesa de Arcos de Valdevez. Os secuestradores roubáronlle 120 euros do moedeiro e as tarxetas de crédito do médico coas que retiraron diferentes importes ata en 13 ocasións sumando máis de 2.000 euros, ademais leváronse o vehículo marca Mercedes da vítima á que liberaron 20 horas despois nunha zona forestal de Galleiro, en Ponteareas.
Pola contra, respecto ao acontecido na vivenda dunha parella de Torneiros, O Porriño, os avogados dos dous acusados insistiron en que os seus clientes, actuaron en defensa propia cando foron atacados pola suposta vítima cunha arma e indicaron que os disparos que feriron a parella do dono da casa se produciron de xeito fortuíto durante o forcexo.
Os letrados que exercen as defensas dos acusados insistiron na relación existente entre o propietario do inmoble e Canceliñas, quen asegurou que a súa suposta vítima era un traficante para o que traballou e ao que, tras saír de prisión, lle comunicou que ía deixar de facelo.
Non obstante, a fiscal considera que existe "credibilidade subxectiva" nos testemuños prestados polo propietario da casa, a súa noiva e o seu fillo, polo que o ministerio público mantén que os acusados irromperon de madrugada na vivenda "con ánimo de lucro". Saturnino Marcos portaba unha escopeta de perdigóns coa que efectuou dous disparos, uns dos cales alcanzou á muller na nádega. Álvaro esgrimía un coitelo co que feriu o home. A fiscal sostén que ambos os dous delincuentes fuxiron da casa tras subtraer 155 euros e o turismo BMW do irmán do asaltado, que despois foi recuperado con danos.
Finalmente os avogados de Canceliñas e Barbosa subliñan que non existe ningunha proba que demostre que os seus defendidos atracaron a gasolineira tudense de Guillarei, nunha moto roubada. A fiscal recoñece que non existen probas pero se "oito probas indiciarias" como a roupa utilizada, a complexión física, a moto, a gravación das cámaras de seguridade ou os testemuños dos traballadores da estación de servizo, que apuntan á autoría dos acusados, neste asalto.
O xuízo quedou visto para sentenza.