O espazo emprendedor de AJE recibe catro novos proxectos promovidos por estudantes universitarios
Por Redacción
Catro das ideas empresariais que se presentaron á cuarta edición dos Premios Incuvi Emprende inician a súa andaina no espazo de emprendedores de AJE Pontevedra. Durante un ano, esa será a sede de traballo das compañías Beltaine, Atec Creative Solutions, E-Natura e Cervexa Artesá, que recibiron este mércores as chaves dos seus despachos.
Converter a alta cociña en conservas, unir tecnoloxía e creatividade, promover servizos de consultoría ambiental e impulsar un centro de produción e investigación vinculado ás cervexas artesás son os obxectivos destas catro empresas, promovidas por estudantes e titulados da Universidade de Vigo.
Todas elas poderán gozar "non só do privilexio de ter un espazo para traballar e da formación necesaria para levar adiante as súas ideas, senón tamén dos contactos e de todas as sinerxías que se van a xerar nesta sede e cos patrocinadores", como destacou o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Corbacho.
Beltaine, impulsada por Xosé Rial, Pilar Varela, Alfonso Villanueva e Pablo Argibay, foi un dos proxectos premiados. Tratan de darlle unha volta ao concepto da conserva e intentar levar a alta cociña a este tipo de produtos. O proxecto no que comezaron a traballar hai uns meses está enfocado a dúas liñas de produción, "unha máis tradicional, de conservas de alta calidade" e unha segunda xa centrada en "converter pratos de alta cociña en conservas".
Ao seu carón estará Atec Creative Solutions, unha iniciativa de Tania Pérez que trata de propor un "binomio entre imaxe e tecnoloxía", no que a creatividade e a innovación vaian da man. De fotografía ou o deseño gráfico ao desenvolvemento de páxinas web ou aplicacións, este proxecto trata de apoiarse mutuamente nestas dúas disciplinas para ofrecer unha serie de servizos a particulares e pequenas empresas, ou para desenvolver as súas propias aplicacións.
Tamén se incorporarán a este espazo emprendedor E-Natura, unha empresa que ten como piares as enerxías renovables e a enxeñaría forestal e que non puido estar representada neste acto, e Cervexa Artesá, un proxecto no que un grupo de titulados dos campus de Vigo e Ourense -Lois Alfaya e Carlos e Sebastián Taboada- estudarán as posibilidades de poñer en marcha un centro de produción e investigación sobre esta bebida.