Clases ao aire libre e plantación dun castiñeiro no campus na Semana Internacional dos Bosques
Por Redacción
Un pequeno castiñeiro presidirá a partir de agora a entrada da Escola de Enxeñaría Forestal. A súa plantación produciuse este mércores no marco das actividades que se están a celebrar no campus de Pontevedra para conmemorar a Semana Internacional dos Bosques.
Neste acto simbólico, que tiña por obxecto poñer en valor a importancia que os bosques teñen para o planeta, tamén estiveron representadas a Misión Biolóxica de Galicia, o Centro de Formación Agroforestal de Lourizán, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e a Escola de Capataces Forestais.
Con esta iniciativa, a Escola de Forestais quería tamén destacar que "dificilmente" se pode atopar en Europa "un distrito postal, unha cidade, unha comarca, na que se dea o volume de centros de investigación e formación vinculados ao sector forestal que se dá en Pontevedra", segundo destaco Enrique Valero, director do centro.
Por iso, incidiu en que, "do mesmo xeito que Milán é o centro da moda, Pontevedra debería ser o centro forestal por excelencia de Galicia e España".
A celebración desta Semana Forestal no campus non se limita á plantación deste castiñeiro, senón que vén marcando durante toda a semana a axenda dun centro que, por outra banda, conmemora este xoves con diferentes actividades o día do seu patrón, San Leandro.
Desde o pasado luns as aulas están sendo substituídas para boa parte do seu alumnado por saídas como as que levaron a un grupo de estudantes a unha planta de fabricación de pellets en Bastavales e a outro a percorrer un monte veciñal en Salceda de Caselas. Este venres achegarán a unha serie de alumnos ata o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, en Ourense, e ata os montes veciñais de Vigo.