José Manuel Guillán e Begoña Laya dimiten como concelleiros do PP, a Celia Soto non lle deixan
Por Alejandro Espiño
Era cuestión de tempo. A división interna do grupo municipal do PP era máis que evidente, por moito que desde o partido se negase de forma reiterada. Unha crise que provocou a saída de dous dos seus concelleiros. José Manuel Guillán e Begoña Laya presentaron a súa dimisión e abandonarán as súas actas de concelleiros. A decisión, coñecida no Partido Popular, foi confirmada polos propios edís a PontevedraViva.
Non son os dous únicos "díscolos" que tomaron a mesma decisión. Unha terceira concelleira, Celia Soto, tamén seguiu os seus pasos. Pero a diferenza dos outros dous, a esta traballadora da Deputación de Pontevedra o Partido Popular non lle aceptou a renuncia. Os tres reiteraron a decisión de abandonar a súa acta de concelleira despois do pleno celebrado onte, e trala reunión do pasado martes con Alfonso Rueda.
En dita xuntanza, segundo puido saber PontevedraViva, os seis edís enfrontados co voceiro municipal popular, Jacobo Moreira, puxeron os seus cargos a disposición do partido, sen que fosen aceptas estas renuncias. Recoñeceuno ata Rafael Louzán, que asegurou que en todo caso, ningún deles suscitou a posibilidade de quedarse na corporación como concelleiros non adscritos.
O propio José Manuel Guillán recoñecía que tomaron esta decisión ante a "incomodidad" dentro dun grupo municipal "en el que es muy difícil trabajar así". E recoñece que a dimisión prodúcese deste xeito "para hacer el menor daño posible al Partido Popular". Fronte a esta versión, desde o partido insisten en que as súas renuncias prodúcense por motivos estrictamente persoais.
Neste mesmo sentido, o presidente provincial do PP, Rafael Louzán, aclarou que se trata dunha renuncia voluntaria, "sen a presión de ninguén", e explicou que segundo dixeron estes mesmos concelleiros nas reunións mantidas nos pasados días, "entenderon que se deberían incorporar dúas novas persoas ao grupo do Partido Popular, algo que foi pactado tamén co voceiro do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira".
En todo caso, Louzán quixo agradecer a traxectoria destes dous concelleiros, dos que destacou que "estiveron traballando por este partido a cambio de nada e por iso lle teño que dar o meu recoñecemento e o de todo o partido".
Unha vez que José Manuel Guillán e Begoña Laya formalicen a súa renuncia, serán substituídos polos dous seguintes postos da lista do PP ás eleccións municipais de maio de 2011. Trátase de dúas persoas que foron concelleiros do PP con Telmo Martín, Rosa Picallo e Miguel Ángel Meijón.