A escola infantil de Seixo estará rematada no verán e empezará a funcionar o próximo curso
Por Redacción
As obras da escola infantil de Seixo, en Marín, avanzan a bo ritmo e estarán rematadas ao longo do vindeiro verán. Segundo os prazos que manexan o Concello e a Consellería de Traballo e Benestar, os 41 alumnos para os que ten capacidade poderían entrar nas instalacións ao longo do vindeiro curso, se ben hai moitas dúbidas sobre o posible comezo ao mesmo tempo que o curso académico. De todos os xeitos, a conselleira do ramo, Beatriz Mato, garante que se habilitará un período extraordinario de matrícula para que entre en funcionamento tan pronto como conte con todo o equipamento.
Beatriz Mato e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitaron este martes as obras, que se están a acometer xusto ao carón do CEIP de Seixo, nos terreos que ocupaban as casas dos mestres e que foron recentemente derrubadas no marco deste proxecto.
A conselleira destacou que esta é a terceira escola infantil da rede pública A Galiña Azul da Xunta de Galicia que se porá en funcionamento en Marín e a súa execución foi posible grazas a un investimento de 410.000 euros, dos que o departamento autonómico achega 246.000 (o 60%), e o concello os 164.000 euros restantes.
Con esta actuación, as prazas públicas para alumnos de 0 a 3 anos pasarán a situarse en Marín en 141, unha cifra coa que Beatriz Mato considera que se dá un importante avance cara á conciliación da vida familiar e laboral dos marinenses. Dúas desas escolas (incluída a que está en obras actualmente), con 82 prazas, teñen sido creadas polo actual Goberno autonómico, o que supón un incremento de prazas do 135% con respecto ás existentes en 2009.
María Ramallo lembrou que esta escola infantil, que ocupa unha parcela duns 1.000 metros cadrados e ten uns 450 metros cadrados de superficie construída, é unha obra "compremetida hai catro anos en Marín" e un proxecto "importantísimo" para o municipio e, en especial, para a parroquia máis urbana de todas, Seixo. Aplaude que "non sen atrancos", pero ao final conseguiuse e "será unha realidade en moi breve espazo de tempo".
Beatriz Mato engadiu que a posta en marcha de novas prazas para nenos de entre 0 e 3 anos inscríbese no esforzo do Goberno galego por mellorar a conciliación das familias galegase e é un dos eixos estratéxicos do Plan de dinamización demográfica de Galicia, co que a Xunta busca "saír dunha crise da que aínda non saimos, a demográfica".
Relacionadas:
-
A nova escola infantil de Seixo xa vai collendo forma
Por Redacción |
-
As obras da gardaría de Seixo avanzan a bo ritmo
Por Redacción |
-
As obras da Escola Infantil de Seixo xa están en pleno auxe
Por Redacción |
-
Comezan os traballos de demolición das antigas casas de profesores do colexio de Seixo
Por Redacción |