Cando se considera que un coche aparcado na rúa está abandonado?
Por Oskar Viéitez
Abandonar un vehículo na rúa supón unha infracción da Lei de Residuos e Solos Contaminantes. Na maioría dos municipios son a Garda Civil e a Policía Autonómica as que se encargan de denunciar este tipo de actividades, aínda que posteriormente sexa o Concello o responsable de tramitalas.
Son varias as razóns que se observan para que se considere que un coche aparcado na rúa está abandonado: levar máis dun mes sen moverse na vía pública, non ter a ITV, os seguros e o imposto de matriculación ao día, ter unha avaría que lle impida moverse do seu estacionamento ou estar estacionado na rúa e carecer de placas de matrícula.
Unha vez recibida a notificación da existencia dun vehículo posiblemente abandonado, o concello debe iniciar un procedemento administrativo, cun mes de prazo, para verificar o estado do vehículo e intentar contactar co seu titular. Se pasado ese prazo non aparece o propietario o vehículo será retirado pola propia autoridade competente, levándoo a un depósito onde permanecerá durante dous meses máis e se intentará volver contactar co dono.
Se este non recorre a situación na que se encontra o vehículo, pasará a converterse en residuo sólido urbano, co que o concello habilitará a súa desmontaxe e reciclado do sistema de líquidos e a batería, para proceder á súa destrución e despezamento.
A Deputación de Pontevedra mantén dende o ano 2011 un servizo de retirada de vehículos abandonados na vía pública subscrito cos municipios da provincia.
Mediante este acordo, os concellos están obrigados, no caso de vehículos abandonados, a proporcionarlle á empresa concesionaria do servizo información e documentación necesaria para proceder a retiralo e poder realizar a súa posterior descontaminación e dalo de baixa en Tráfico. Para iso acompáñase dun oficio da Policía Local ou dun responsable do Concello.
A Deputación Provincial, a través da empresa concesionaria, recolle e transporta ata as súas instalacións nun prazo máximo de 15 días dende a súa petición, recollendo a documentación necesaria para proceder á súa baixa definitiva en Tráfico.
Este servizo de retirada non ten custo ningún para os concellos.
Relacionadas:
-
Adxudican a Vigoto Uno o servizo provincial de recollida de vehículos abandonados
Por Redacción |
-
Requiren a retirada de 30 vehículos abandonados nas rúas de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Deputación retirou 64 vehículos abandonados dos montes e cunetas da provincia
Por Redacción |
-
27 vehículos abandonados en Sanxenxo durante os últimos 16 meses
Por Redacción |
-
Retiran 63 vehículos abandoados en montes e rúas de 12 concellos pontevedreses
Por Redacción |