A Reigosa prepara mobilizacións e denuncias contra a instalación do crematorio
Por Oskar Viéitez
A oposición veciñal ao proxecto de contrucción dun forno crematorio no polígono da Reigosa prepara mobilizacións e denuncias contra esta instalación que promove a funeraria San Marcos e que acaba de obter licenza municipal.
Na asemblea celebrada este domingo na Casa do Pobo da Reigosa, acordouse iniciar un calendario de mobilizacións, inicialmente fronte ao Concello de Ponte Caldelas e que empezarán tan pronto como conten cos permisos gobernativos necesarios, previsiblemente o sábado 4 de abril.
Ademais este colectivo contratará os servizos dun bufete de avogados para que os tribunais impidan a construción do crematorio.
Durante os últimos días estes veciños da Reigosa sumaron os apoios doutras parroquias de Ponte Caldelas como Baltar, Xustáns, Vilarchán, Santa Ana ou Contixe. Ademais teñen intención de contactar coa plataforma Non Crematorios Pontevedra Leste xa que esgrimen argumentos comúns. Os veciños sinalan que o crematorio da Reigosa se instalará a douscentos metros dunha vivenda, a trescentos do Pavillón de Deportes ou a Casa do Pobo e a setecentos do colexio.
No centro de todas as críticas sitúase o alcalde Perfecto Rodríguez
No centro de todas as críticas sitúase o alcalde Perfecto Rodríguez co que os veciños din sentirse "enganados" polo "escurantismo" co que se tramitou o proxecto e se outorgou a licenza.
Estes veciños non cren que Perfecto Rodríguez non coñecese dende hai tempo as intencións do empresario. Así mesmo esixen ao alcalde que manteña un mesmo criterio que os seus compañeiros de partido en Pontevedra con respecto aos crematorios, é dicir, que esixa que estas instalacións se localicen a unha distancia mínima de 500 metros das zonas habitadas máis próximas.
Este malestar con Rodríguez foi en aumento nos últimos días obrigando á suspensión do último pleno. Días antes deste incidente durante unha reunión en Baltar entre o alcalde e comuneiros desa outra zona, os veciños da Reigosa que estaba invitado a asistir ao encontro aseguran que foron "vetados" polo alcalde que rexeitou a súa presenza nesa cita.
Estes veciños da Reigosa insisten que a súa postura non obedece a motivos políticos xa que aseguran que entre eles "hai moita xente que vota ao PP e a Perfecto Rodríguez". Neste sentido apuntan que lles gustaría coñecer cual é a opinión do BNG xa que "aínda non sabemos cal é a súa postura".
Tamén lles gustaría obter algunha reacción por parte das outras empresas que se sitúan no parque da Reigosa respecto a este crematorio, dixeron en referencia a industrias como Conservas Orbe, embutidos Monteverde, ou mesmo, A Devesa, entre outras posibles afectadas. Ademais apuntan que a presenza dun crematorio condicionará a venda de máis parcelas.
Finalmente compartiron as súas sospeitas de que o crematorio de Ponte Caldelas levará aparellado outro tanatorio, o que deixará sen actividade a instalación existente no centro da vila co conseguinte prexuízo para os comerciantes da zona.
Ademais do crematorio estes veciños teñen abertos outros conflitos como a oposición contra a planta de compostaxe prevista na Canicouva ou a construción da autovía A-57 polos montes da Fracha.
Relacionadas:
-
"Una barbacoa para chuletas contamina más que un horno crematorio"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A imaxe repítese: segundo sábado de protestas contra o crematorio da Reigosa
Por Redacción |
-
Os veciños maniféstanse para amosar o seu rexeitamento ao crematorio da Reigosa
Por Redacción |
-
Agustín Fernández afirma que Louzán deixou "tirado na gasolineira" a Lores no tema da planta de compost
Por Redacción |
-
Perfecto Rodríguez convoca ós veciños para informar do crematorio da Reigosa
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE pide aos veciños de Ponte Caldelas que loiten contra a "tramitación franquista" dun crematorio
Por Redacción |
-
A Reigosa aproba mobilizacións contra a instalación dun crematorio no polígono
Por Redacción |