Piden permiso a Lores para pecharse no Concello
Por Oskar Viéitez
Chegaron con vinte minutos de atraso e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores xa estaba un pouco impaciente ante a tardanza pois tiña outra cita.
Finalmente, tras manifestarse por varias rúas do centro urbano, os afectados polas participacións preferentes e subordinadas de Marín e Pontevedra acudiron ao despacho do rexedor da capital para solicitarlle permiso para encerrarse na Casa Consistorial e colgar pancartas no edificio municipal, do mesmo xeito que o fixeron durante 12 horas no concello de Marín.
Fernández Lores transmitiulles a solidariedade do grupo de Goberno e recomendoulles que "deben seguir loitando na rúa".
Das 386 persoas desta plataforma, actualmente unhas 90 están pendentes de conseguir unha solución á súa problemática a través da vía da arbitraxe.
"deben seguir loitando na rúa"
Lores pediu a "devolución total" dos seus aforros no que cualificou como "un claro roubo consciente" por parte das entidades financeiras e criticou a "mala xestión dos xerentes das caixas e a falta de control político efectivo da Xunta".
Os afectados de Marín-Pontevedra participarán este sábado ás 11.00 horas nunha protesta polas rúas de Vigo e o xoves da próxima semana seguirán organizando as súas concentracións habituais na capital.