"Se antes do accidente, en plenas facultades, este mozo non daba o perfil de investidor, despois menos"
Por Alejandro Espiño
"Se antes do accidente, en plenas facultades, este mozo non daba o perfil de investidor, despois, menos". Así resume o avogado Carlos Alonso Piñeiro o caso de Lois Baulo. Ten 30 anos, é de Cambados, e padece unha discapacidade psíquica como consecuencia dun accidente de tráfico. ÿ un dos afectados pola emisión de participacións preferentes de Novagalicia Banco.
A Lois Baulo colocáronlle, en 2010, 65.000 euros (a metade da indemnización que recibiu no seu día polo accidente) nestes produtos financeiros de alta complexidade e os outros 65.000 euros na hipoteca dun piso. Non se deu conta da súa situación ata que, alertado polas protestas de afectados, o seu pai revisou a súa documentación. Non tardaron nin un momento en acudir a un avogado e levar o asunto aos tribunais.
"Iniciaramos as reclamacións extraxudiciais. Pero, cando empezou o boom da arbitraxe, comentouno, veu co pai, e dixemos, pois mira... Por perfil e a súa situación, debería cobrar", explica Carlos Alonso Piñeiro a Europa Press. O letrado considera que esta historia é a de "un caso manifesto de estafa", xa que o mozo ten unha diminución psíquica de entre o 61 e o 65%.
Lois solicitou hai varios meses a mediación do Instituto Galego de Consumo, pero non obtivo resposta. ÿ o banco, a través da auditora Pricewaterhouse Coopers (PwC), o que realiza un filtrado das peticións e remite aqueles casos que considera ao organismo dependente da Xunta.
O non ser chamado para a arbitraxe e os anuncios dos últimos días sobre a obrigatoriedade dunha quita para os tenedores de preferentes de Novagalicia levaron a Lois Baulo a protestar este xoves nunha sucursal de Corcovello (Cambados), onde decidiu espirse. Pero non foi o seu único lugar de protesta. Deixouse ver tamén polo Concello de Cambados e a Deputación de Pontevedra.