Alberto Núñez Feijóo chama aos seus a traballar xa de cara ás municipais de 2015
Por Redacción
Comezar a traballar para o "próximo reto" electoral, as eleccións municipais de 2015. ÿ a mensaxe que lles trasladou Alberto Núñez Feijóo aos membros da Xunta Directiva provincial do PPdeG de Pontevedra. Con eles mantivo unha xuntanza na que, igual que en días pasados en Lugo, A Coruña e Ourense, o presidente dos populares presentou a súa candidatura ao congreso do PPdeG que se celebrará en xaneiro.
Alberto Núñez Feijóo lembrou que o PPdeG "é un partido maioritario, de futuro, de goberno e que dá confianza á xente, por iso ningún éxito, por importante que sexa, pode facer que os populares se conformen". A todos eles animounos a traballar na actualización constante e o aumento da base social do partido, "para seguir sendo o partido de goberno por moitos anos".
Por outra banda, o dirixente popular comprometeuse a seguir traballando para blindar os servizos sociais e para encamiñar a economía ao crecemento e, de forma concreta, fixo referencia a algúns dos sectores produtivos de Galicia.
Así, celebrou os resultados acadados onte no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no relativo as cotas de captura e, do mesmo xeito, insistiu en que PSA Peugeot-Citröen volverá superar en 2013 a cifra de 400.000 vehículos fabricados.
Así mesmo, o dirixente popular subliñou a necesidade de explicarlles aos cidadáns "todo o que sexa necesario e no momento no que sexa necesario" e cre que España e Galicia "necesitan ideas, dedicación e coherencia e precisan a implicación dos populares para ter esperanza e ter futuro".