Reducir a pobreza ou dimitir, compromiso que solicita a Rede Galega de Loita contra a Pobreza aos candidatos
Por Redacción
Pontevedra é a provincia galega na que máis persoas se encontran nunha situación de risco de pobreza e de exclusión social situándose a porcentaxe nun 26,9 da poboación e onde se inviste menos dentro de Galicia en protección social cunha media de 92,2 euros por persoa e ano. Ante esta situación, representantes da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia) decidiron levar a cabo unha campaña denominada Concellos ao servizo das persoas. Esta iniciativa ten como obxectivo que os candidatos ás eleccións municipais se comprometan para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e o respecto dos dereitos sociais.
A campaña, presentada na mañá deste xoves polo director e o presidente da EAPN-Galicia, Xosé Cuns e David Silva, céntrase en manter reunións cos candidatos para que asinen un documento con quince principios no que o máis destacable se centra en destinar durante 2016 un mínimo de 110 euros por habitante ao ano na partida presupostaria en medidas de protección e promoción social, ademais de reducir nun 15% o número total das persoas que se encontran en risco de exclusión no concello polo que se presente o candidato. En caso de que saia elixido e incumpra esta proposta, o candidato comprometeríase a dimitir.
Con esta medida a EAPN-Galicia pretende que exista unha implicación real por parte dos candidatos ás eleccións municipais. En Pontevedra, xa asinaron este compromiso con Agustín Fernández, cabeza de lista do PSdeG-PSOE.
Dende esta organización reclámase coordinación entre concellos,Deputación, Xunta e ONG's, ademais de denunciar a falta de compromiso político coas causas sociais tal e como demostran cos datos en www.pobreza.gal. En Galicia 672.123 persoas atópanse en risco de pobreza e exclusión.