Cinco detidos en Pontevedra en relación coa trama de Monbus
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) detiveron este xoves a cinco persoas na provincia de Pontevedra, catro delas en Sanxenxo, no marco da operación Cóndor, un operativo coordinado dende un xulgado de Lugo que, ata o momento, deixou dez detencións. Entre os arrestos figura o do propietario da empresa Monbus, presidente do club de baloncesto Obradoiro e un dos accionistas principais do Pontevedra Club de Fútbol, Raúl López López.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que tan só unha das detencións se realizou en Lugo (a de Raúl López segundo outras fontes), catro foron en Madrid e cinco na provincia de Pontevedra. Catro deles caeron en Sanxenxo, entre eles o director xeral da empresa InterRías, Gustavo Fernández Chan e a esposa do propietario do grupo, Isolina González. Ademais, foron arrestados en Sanxenxo o xenro de Raúl López e director comercial do seu grupo empresarial, Rafael Casqueiro Álvarez, e o xefe financeiro de Monbus, Jesús Uríz Santé.
A investigación, que dirixe a xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, séguese por delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e suborno.
Ademais das detencións, que se practicaron dende primeira hora deste xoves, en Sanxenxo tamén se realizaron seis rexistros, ademais doutro no Grove e un oitavo na cidade de Pontevedra. Un dos principais focos de interese na localidade foi a sede da empresa InterRías, axencia de viaxes cuxa sede está situada na céntrica rúa Luis Vidal Rocha, coñecida popularmente como rúa da Moda, da que levaron grande cantidade de caixas documentación.
A última hora da mañá, ata 18 axentes do SVA chegaron á sede de InterRías para realizar o rexistro. A actuación policial continúa ás 14.15 horas deste xoves coa presenza dun dos detidos e de varios empregados da empresa, segundo fontes próximas aos feitos. O arrestado que participou no rexistro é o director xeral do Grupo InterRías.
Ademais, outras fontes consultadas sinalaron que tamén se practicaron rexistros en empresas do mundo da hostalaría que terían vinculacións con Monbus e con InterRías, tales como os hoteis Carlos I, Talaso Sanxenxo e Nuevo Astur.
No marco da operación Cóndor, o SVA rexistrou a sede de Monbus en Lugo, que quedou precintada xa ao longo da madrugada a raíz da detención de Raúl López. Os rexistros tamén se realizaron no Pazo de Congresos de Santiago ou o multiusos Fontes do Sar. En total, houbo cinco rexistros en Lugo, oito en Pontevedra, tres na Coruña, oito en Madrid, un en Santander; un en Córdoba e un en Nogueira de Ramuín (Ourense).
MENSAXE DE TRANQUILIDADE DA EMPRESA
Dende a empresa Monbus emitiron un comunicado no que informan os seus usuarios e á cidadanía en xeral, que todos os servizos de transporte de viaxeiros que presta actualmente "están a funcionar con normalidade e seguirán facéndoo para garantir a totalidade dos seus servizos".
Este comunicado intenta transmitir "tranquilidade" aos usuarios así como aos traballadores do grupo. E asegura "que a empresa está a prestar e seguirá prestando unha total colaboración coa investigación xudicial co fin de que no menor tempo posible se poida resolver esta situación".
Relacionadas:
-
Detido o responsable de Monbus en Pontevedra tras un rexistro ordenado por Pilar de Lara
Por Redacción |
-
O dono do Grupo InterRías e os seus fillos néganse a declarar ante a xuíza pola trama de Monbus
Por Redacción |
-
O dono do Grupo InterRías e dous fillos, imputados na trama de Monbus
Por Redacción |
-
Liberade con cargos e baixo fianza de 20.000 euros para Raúl López, presidente de Monbus
Por Redacción |
-
En liberdade con cargos os detidos en Sanxenxo en relación á trama de Monbus
Por Redacción |