Máis de 400 edificios anteriores a 1943 deberán pasar a ITV este ano
Por Redacción
Todos os edificios de Pontevedra anteriores ao ano 1943 e aqueles catalogados como Ben de Interese Cultural (BIC) que sexan previos a 1900 deberán pasar a coñecida como ITV de edificios este ano 2015. A medida é consecuencia directa da nova ordenanza reguladora redactada polo Concello de Pontevedra e afectará a máis de 400 inmobles este ano.
A ordenanza de avaliación de edificios debateuse este mércores na Comisión de Urbanismo e rematou aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos presentes na reunión. Agora queda pendente a súa aprobación definitiva no pleno da Corporación municipal do próximo luns. Superado ese trámite, poderá empezar a aplicarse en canto saia publicado o texto definitivo nos distintos boletíns oficiais.
En aplicación da ordenanza, estableceuse un calendario para a realización progresiva das inspeccións de todos os edificios "para evitar o colapso doutras cidades" nas que empezou a aplicarse a nova Lei de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbanas aprobada a nivel estatal en 2014, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro.
A citada lei obrigou a reformar o contido da ordenanza municipal para adaptala aos seus preceptos. Ademais, o texto da ordenanza introduciu pequenas modificacións ao ter estimado parte das alegacións presentadas polos colexios provinciais de enxeñeiros e aparelladores e arquitectos técnicos. De feito, a petición deses profesionais estableceuse a medida de que hai que revisar tamén as instalacións no interior das vivendas ao entenderse que unha boa parte dos accidentes orixinan por mal estado de instalacións "de porta dentro".
Os propietarios dos edificios terán que ir presentando, en función do calendario establecido, un informe de avaliación que deberá incluír unha revisión técnica da estrutura e instalacións, así como a accesibilidade e a eficiencia enerxética. Eses informes deberán repetirse cada dez anos.
Todos os edificios construídos hai máis de 50 anos deberán ter pasado esta ITV no ano 2018. Antes do 31 de decembro de 2015 serán os anteriores a 1943, isto é, os de máis de 72 anos. Ao termo de 2016 terán que ter sido revisados os inmubles con máis de 60 anos e ao termo de 2017, os que teñan máis de medio século.
No caso dos edificos BIC, os prazos serán diferentes. En 2015 deberán ser revisados os anteriores a 1900. En 2016 será a quenda dos previos a 1925 e en 2017 tocaralle a quenda aos construídos antes de 1990.
Louro anunciou este mércores que o Concello creará un rexistro específico para xestionar os informes e publicará na web municipal e no taboleiro de edictos os edificios obrigados á revisión cada ano.
Relacionadas:
-
Só 131 dos 292 edificios que deben pasar a ITV este ano acreditaron a súa seguridade
Por Redacción |
-
Nova edición do certame provincial "Gran de Area"
Por Oskar Viéitez |
-
Un edificio da rúa de Forcarei, o primeiro en entregar o informe de avaliación dos edificios
Por Redacción |
-
Antón Louro anima ás comunidades a pedir subvencións para a ITV de edificios
Por Redacción |
-
Agardan que a 'ITV de edificios' entre en vigor o próximo mes de febreiro
Por Redacción |
-
O Concello ultima a ordenanza que regula a ITV dos edificios
Por Redacción |