Máis de mil traballadores de empresas auxiliares participan na parada técnica de ENCE
Por Redacción & Mónica Patxot
Ata o próximo luns 23 de marzo, Ence encóntrase en parada técnica. Durante unha semana estanse a realizar tarefas de mantemento e diferentes obras de mellora no complexo industrial. Aos empregados da pasteira en Lourizán súmanse estes días un total de 1.023 operarios de compañías auxiliares. Un 48% de todos eles, 496 persoas, están vinculados a empresas de Pontevedra e a súa área de influencia.
Entre as empresas participantes da zona están Manufacturas del Lérez, as empresas de Lourizán Luber e EcoLuber, firmas marinenses como Metaca e Metalyset, ou outras do municipio de Pontevedra como Taelpo, ASAI ou Ingeniería y Montajes Rías Bajas.
Entre os profesionais que apoian estes días o equipo da fábrica de Pontevedra participan tamén outros procedentes de países como Suecia, Finlandia, Alemaña ou Estados Unidos.
A parada técnica comezou o pasado luns, aínda que algúns traballos previos e necesarios para o seu desenvolvemento xa foran executados en semanas anteriores. En total, espéranse executar máis de 3.000 tarefas, relacionadas principalmente con melloras ambientais, melloras de eficiencia e competitividade ou a execución de traballos de mantemento.
O presuposto total das accións que se executarán durante esta parada ascende, segundo a compañía, aos 6,5 millóns de euros, dos cales 2,5 millóns serán para actuacións relacionadas co medio ambiente. Ademais, dous millóns destinaranse á incorporación de tecnoloxías máis eficientes, que Ence destaca que lles permitirá asegurar a continuidade da súa produtividade e competitividade.
Durante a parada técnica tamén se efectuarán melloras tecnolóxicas destinadas a manter a factoría de Lourizán "á vangarda en seguridade e saúde laboral", segundo reflicte a compañía nun comunicado, ademais de reposicións de equipos en diferentes áreas desta.
Ence estima que a parada técnica da planta pontevedresa xerará entre 2.200 e 2.500 estadías nos establecementos hostaleiros da comarca. Ao gasto en pasas a noite, sumaránselle os que se efectúen en cafetarías, establecementos de restauración e pequeno comercio do ámbito de influencia do complexo industrial.