Os Bombeiros ensinan a axentes da Garda Civil como enfrontarse ao lume
Por Redacción
Máis de vinte axentes da Comandancia da Garda Civil recibiron na mañá deste martes 17 de marzo unha sesión informativa por parte dos bombeiros do Parque Municipal de Pontevedra.
A través dunha sesión teórica a cargo do xefe de bombeiros, Manuel Torres, nas instalacións da Garda Civil ofreceuse aos axentes información básica para enfrontarse a unha situación de emerxencia coa presenza de lume ou aos casos de accidentes de tráfico. E a continuación desenvolveuse unha explicación práctica no Parque de Bombeiros situado fronte á Comandancia.
Os axentes recibiron información sobre o uso da máscara e lentes protectores antes de sufocar un incendio nunha furgoneta utilizando un extintor. O cabo dos Bombeiros, Vicente Ferrería, indicou aos membros da Garda Civil a importancia de non virar as costas ao lume en situacións de emerxencia, tanto no caso da presenza de lapas en vehículos coma en incendios en vivendas.