San Patricio chega este mércores á Praza de España con 5.000 litros de cervexa
A V edición do Festival de San Patricio dará comezo este mércores 18 na Praza de España, en Pontevedra, organizado como cada ano polo Mareantes Rugby Club, na carpa que se habilitará para celebrar todos os actos do evento.
O evento presentouse este martes no Concello de Pontevedra coa presenza do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do Mareantes Rugby Club, Eloy Díaz, acompañados polo cociñeiro Pepe Solla. Este festival dura ata o domingo 22 e mantense aberto dende as 12 da mañá ata a media noite, será unha mestura de música, gastronomía e, sobre todo, deporte, xa que o obxectivo do festival está pensado co fin de recadar fondos para o Club.
Pepe Solla, cociñeiro e propietario do restaurante en Poio Casa Solla, cunha estrela Michelín e tres Soles Repsol, foi o encargado de elaborar a tapa especial para o evento, que terá un prezo de 6 euros a porción. Ademais, tamén estarán os pratos típicos doutros anos como os "cans quentes", salchichas irlandesas ou as hamburguesas San Patricio.
A bebida estrela non podería ser outra que a cervexa, da que se prevé que se consuman uns 5.000 litros segundo a organización, e haberá "rubias" (Heineken), vermellas (Murphy's) e negras (Guiness) que terán un prezo de 3,5 euros a primeira e 4 as dúas últimas.
No evento colaborarán Hifas da Terra e Turismo de Irlanda, que celebrarán sorteos entre os asistentes. Dentro das actividades vaise sortear unha viaxe a Irlanda para dúas persoas. O único requisito para poder participar no sorteo é facer un gasto mínimo de 10 euros. O domingo ás 21.00 horas, na carpa da Praza de España, anunciarase ao gañador que deberá estar presente para poder reclamar o seu premio.
Ademais o evento deportivo central é o Torneo Internacional de Rugby de San Patricio, que se celebrará o sábado 21 a partir das 12.00 horas no Campo de Monteporreiro. Os que non poidan acudir aos partidos sempre poderán gozar do famoso "terceiro tempo" do torneo, que será ás 15.00 horas na carpa.
Este ano presentáronse varias novidades, entre elas destaca o concurso para a elección do cartel do festival, do que resultou gañador Tito García. Tamén, no apartado musical destaca a participación de grupos locais ademais do grupo "Coverstone", unha banda habitual nesta celebración, e o concurso de rock que se celebrará o domingo ás 18.30 horas.