Os veciños dos Bravos, Arealonga, Carragal e Pitanxo reclaman as melloras prometidas
Por Redacción
Os veciños dos Bravos demandan que se complete a obra do muro de contención que sostén a pista desta zona cunha varanda de protección, tal e como se acordou despois de que o BNG levase unha moción a pleno por segunda vez solicitando melloras para os veciños que viven nesta zona.
"O desnivel de máis de dous metros nalgún punto e o pouco ancho da pista obrigan a instalar unha protección". Así llo demandaron os veciños aos concelleiros do goberno local durante a visita ás obras de asfaltado da pista.
Os concelleiros do BNG visitaron as obras acompañados dos veciños que lembraron outros servizos pendentes, tamén demandados e aprobados en pleno, como a reposición de postes de luz en Arealonga e subida ao Pituco, a instalación dun firme adaptado no parque infantil do Souto do Carragal e instalación dun tobogán, a recollida de augas pluviais no Pitanxo e a instalación de tres puntos de alumeado público na pista que vai de Viñas Brancas ao Outeiro.
PRAZOLETA DE AREALONGA
Despois da aprobación, no pleno do pasado mes de febreiro, da moción do BNG sobre a pavimentación da Prazoleta de Arealonga, á semana seguinte, a alcaldesa e os concelleiros do rural presentáronse ante os veciños e afirmaron que o arranxo non se poderá acometer ata dentro dun ano.
O pasado día 13, á preguntas da portavoz do BNG Pilar Blanco, durante o pleno, o concelleiro subdelegado do rural Pablo Novas, afirmou que a prazoleta non se vai poder arranxar porque a entrada é de ámbito privado.