As praias de Marín prepáranse para a chegada de bañistas nos próximos festivos
Por Redacción
A longa fin de semana que se inicia co festivo deste venres 20 e a chegada de Semana Santa a principios de abril levou o Concello de Marín a iniciar os traballos de limpeza dos areais do municipio coa intención de ofrecer unha imaxe coidada destes espazos. Agárdase que se inicie o bo tempo e que os visitantes e veciños de Marín poidan acudir ás praias aproveitando a presenza de sol.
Segundo informan dende o goberno local estase a acometer o acondicionamento da area de xeito superficial, sen que se chegue a realizar un traballo de limpeza profundo como se leva a cabo coa chegada do verán.
Estes traballos, que se centran na retirada de obxectos trasladados polas mareas, desenvólvense polas praias de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, O Santo e na parte de Lapamán que corresponde a Marín.