O radar caza un pontevedrés circulando co seu furgón a 181 por hora nunha zona limitada a 90
Por Redacción
O subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra imputou a A.G.R., de 49 anos de idade e con domicilio en Pontevedra, como suposto autor dun delito contra a seguridade vial, por circular con exceso de velocidade.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil, a pasada semana un vehículo radar situado no quilómetro 288,4 da A-52, termo municipal de Ponteareas, detectou a circulación dun furgón, marca Renault, á velocidade de 181 quilómetros por hora.
Dado que o operador traballaba sen equipo de notificadores non puido ser controlado o vehículo, polo que se iniciaron as correspondentes investigacións para identificar o condutor, as cales deron resultado positivo este luns, procedéndose á imputación de A.G.R., como autor de dito ilícito xa que este tipo de vehículo ten limitada a súa velocidade máxima en autovía a 90 km/hora.
As dilixencias instruídas foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ponteareas, onde terá que presentarse o imputado cando para iso sexa requirido.